Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Bértoa súmase á reivindicación de que a obra da circunvalación de Carballo comece no polígono

O Concello investirá neste mandato máis de 400.000 euros para completar as redes de saneamento e abastecemento na parroquia

Venres 15 de novembro do 2019

Coas obras do centro social en marcha e a previsión de poder estrealo para o Entroido do 2020, o Consello Parroquial de Bértoa ten xa novas prioridades que están relacionadas na súa práctica totalidade coa ampliación das redes de saneamento e abastecemento, por un lado, e coa mellora da mobilidade e da seguridade viaria, por outro.

En relación a este último apartado, a veciñanza expresou na xuntanza celebrada este xoves o seu total apoio á reivindicación expresada e reiterada tanto polo alcalde de Carballo como polo empresariado local, de que a obra da circunvalación anunciada pola Xunta de Galicia comece no polígono industrial de Bértoa. Evencio Ferrero volveu a insistir na necesidade de dar unha alternativa que non supoña atravesar o casco urbano por unha zona escolar para o tráfico pesado que xera un parque empresarial cada vez máis dinámico, e recalcou que a seguridade debe ser o argumento principal á hora de tomar unha decisión sobre cal dos dous treitos da variante se acomete primeiro, unha opinión compartida polo Consello Parroquial.

Ao mesmo tempo, e pola súa banda, o Concello de Carballo está a traballar noutros proxectos viarios como o aglomerado da estrada que vai dende o cemiterio de Bértoa ata As Labradas, o acondicionamento de toda a contorna da rúa L’Isle Jourdain e a senda peonil e ciclista de acceso ao polígono, onde xa se realizou o replantexamento e pronto estará en obras. A veciñanza interesouse tamén pola posibilidade de aglomerar a vía de Queo de Abaixo a Verdillo e pola prolongación da Vila de Negreira, que, tal como expuxo Evencio Ferrero, debe ser posterior á existencia da circunvalación para poder convertela nunha vía de uso urbano.

En materia de seguridade viaria presentáronse varias solicitudes para a colocación de sinais de 30 Km/hora e doutros elementos que contribúan a reducir a velocidade dos vehículos en distintos puntos da parroquia, ademais dun paso de peóns xunto á escola.

Polo que se refire ás redes de auga e saneamento, o alcalde anunciou que está practicamente listo un proxecto que permitirá completar estes servizos en toda a parroquia. Debido a que o orzamento supera os 400.000 euros, as actuacións faranse por fases, pero Evencio Ferrero comprometeuse a que será dentro deste mandato.

Compartir: