O Consello Parroquial de Sofán propón o aproveitamento dos camiños tradicionais para o tránsito de vehículos agrícolas
Presentadas propostas de creación de illas verdes nos lugares de As Bouzas, A Pedreira, Guitoi e O Seixal
Domingo 27 de outubro do 2019
O Consello Parroquial de Sofán reuniuse o xoves 24
O Consello Parroquial de Sofán puxo sobre a mesa a posibilidade de utilizar camiños tradicionais para facilitar o tránsito dos vehículos agrícolas e evitar deste xeito que teñan que circular polas estradas. A veciñanza puxo casos concretos de vías que están en desuso, e que poderían aproveitarse cuns traballos de limpeza e acondicionamento. O alcalde apuntou que dende o Concello de Carballo están a realizarse accións deste tipo, subvencionadas en parte con fondos Agader, e que neste caso será preciso elaborar un proxecto para cuantificar as melloras precisas.
Con respecto á rede viaria, o Consello Parroquial de Sofán volveu a referirse á estrada autonómica e á necesidade de revisar a sinalización para mellorar a seguridade viaria. Tamén se pediu a vixilancia do cumprimento da lei de prevención de incendios no que se refire á tala de árbores nas beiras das vías e nas contornas das vivendas.
Tal como se acordara na anterior sesión, os/as representantes veciñais recolleron as solicitudes de illas verdes para mellorar a recollida selectiva. Polo momento hai propostas para situalas nos lugares das Bouzas, A Pedreira, Guitoi e O Seixal. A posibilidade de dispoñer de wifi pública, a reposición de puntos de luz, o acondicionamento dunha infravivenda ou a colocación dun banco nunha marquesina das Bouzas que se usa como centro de xuntanza veciñal foron outras cuestións das que se falou.
Tamén xurdiron propostas que exceden da competencia municipal, como o arranxo da fachada do cemiterio ou o acondicionamento dunha finca da Igrexa xunto á praza pública, e neste último caso falouse da posibilidade de facelo a través dun convenio entre o Concello e o Arzobispado.