O abastecemento de auga centrou a xuntanza do Consello Parroquial de Oza, na que participaron corenta persoas
A mellora da seguridade viaria é outra demanda reiterada por parte da veciñanza
Mércores 2 de outubro do 2019
O Consello Parroquial de Oza era, ata onte, o menos numeroso dos 16 que están a funcionar no noso concello. Nesta ocasión corenta persoas asistiron á xuntanza movidas por un interese común: a extensión do abastecemento de auga a todos os lugares da parroquia. A maior parte do territorio xa quedará cuberto co proxecto que está en execución nestes momentos para levar o servizo ata Razo, e, segundo informou o alcalde na mesma reunión, de cara aos orzamentos do ano que vén está previsto incluír a ampliación ata Serantes, de onde eran boa parte dos veciños e veciñas presentes no consello, e dende ese punto ata Xoane (Goiáns). O proxecto estará listo este mesmo mes. Así mesmo, Evencio Ferrero comentou que tamén se está a elaborar un proxecto para Vilar de Uz, co cal quedaría cuberta toda a parroquia de Oza.
Ante a intervención dun dos membros do consello partidario de apostar polas traídas veciñais en vez de investir en redes públicas de abastecemento, o alcalde declarou que o goberno municipal traballa para estender as redes públicas “a todos os lugares posibles” porque considera que “os controis das redes de auga deben ser moi estritos e para iso hai que intentar que os puntos de control sexan os menos posibles”. Unha traída que abasteza a 50 persoas precisa controis diarios, “e sería inviable”, engadiu.
Evencio Ferrero aludiu aos esforzos realizados polo Concello de Carballo para contar cunha dobre captación que permita seguir estendendo o subministro polo concello, ao tempo que se está a xestionar tamén a participación de Augas de Galicia para completar o abastecemento ao litoral. Por parte da veciñanza demostrouse moito interese na extensión tanto do abastecemento como do saneamento a aqueles puntos que carecen del.
A outra gran preocupación da veciñanza de Oza é a seguridade viaria. Nese sentido volveuse a insistir para que dende o Concello de Carballo se fagan as xestións pertinentes ante a Deputación da Coruña, titular da vía Carballo-Razo. O alcalde apuntou que existe un primeiro compromiso para cambiar a situación dos pasos de peóns para alonxalos das curvas e facelos, en consecuencia, máis seguros, e dixo que se seguirá insistindo na necesidade de lombos para reducir a velocidade dos vehículos así coma na construción de beirarrúas.
Tamén se falou sobre orzamentos participativos, e os representantes de todos os grupos políticos opinaron ao respecto: Paula Nogueira, do PP; Mari Carmen Vila, do PSOE, e José Bello, de TeGa, ademais do alcalde. A opinión xeral é que resultaría complicado aplicar un sistema puro no noso concello, e os distintos partidos decántanse por un sistema mixto seguindo o modelo que xa se aplica cos consellos parroquiais, de recoller as suxestións veciñais e trasladalas, na medida do posible, aos orzamentos. Neste sentido, o alcalde mencionou o acordo adoptado o día anterior pola corporación municipal para investir o superávit do ano pasado, que se destinará na súa práctica totalidade a atender demandas dos consellos parroquiais, entre elas a pavimentación do campo da festa de Oza. “Esperemos que estea para as festas do verán”, dixo Evencio Ferrero.