Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

Moita participación veciñal nos primeiros consellos parroquiais do mandato municipal

Esta semana celebráronse xuntanzas nas parroquias de Razo e Entrecruces

Venres 27 de setembro do 2019

Esta semana celebráronse os primeiros consellos parroquiais do mandato 2019-2023, con cambios na representación dos grupos políticos derivados da nova composición da corporación e con moitísima participación veciñal. Case trinta persoas en Razo e case corenta en Entrecruces, entre representantes de asociacións, veciñas e veciños a título individual e representantes políticos, puxeron sobre a mesa propostas, proxectos e necesidades para ámbalas parroquias.

A vindeira semana haberá outros dous consellos parroquiais: o martes 1 de outubro, en Oza, e o xoves 3, en Cances.

Consello parroquial de Razo

Consello parroquial de Razo

Consello parroquial de Razo

O mércores en Razo houbo peticións de todo tipo: un colector, puntos de luz, melloras viarias, un parque biosaudable... Pero do que máis se falou foi do plan especial que está en fase de elaboración. O alcalde aclarou, ante as dúbidas dos presentes, que haberá xuntanzas informativas e un período de exposición do documento antes da súa aprobación. Neste sentido, insistiu en que “todo o mundo debe participar no proceso, e alegar para mellorar o documento ou para defender os intereses particulares, que son lexítimos”.

Evencio Ferrero tamén destacou a importancia da obra do abastecemento de auga á parroquia, que está en execución cun orzamento de case 1,7 millóns de euros, e que se estenderá á zona de Cambrelle coa execución do proxecto de ampliación cara Lema. Así mesmo, avanzou que tamén está previsto levar a rede de saneamento a Razo da Costa e á zona da capela de Santa Mariña.

A preocupación pola situación do Monte Neme tamén saíu a relucir na reunión do consello parroquial, no que o alcalde apuntou que dende o Concello están a realizarse xestións ante a Xunta de Galicia para que se cumpra o plan de recuperación ambiental. Ademais comentou que están chegando as indemnizacións pola rotura da balsa, hai xa máis de cinco anos, extremo que confirmaron algunhas das persoas presentes.

Consello parroquial de Entrecruces

Consello parroquial de Entrecruces

Consello parroquial de Entrecruces

O xoves en Entrecruces tamén se avanzou a situación dalgúns dos proxectos comprometidos, como o acondicionamento do río de lavar, que está pendente dalgúns cambios solicitados por Augas de Galicia, e o saneamento de Taboada e A Granxa, que está previsto contratar este mesmo ano.

Ao igual que en Razo, a veciñanza de Entrecruces solicitou pequenas actuacións para mellorar os distintos servizos públicos, sobre todo os relacionados coa rede viaria. Tamén pediron equipamento para o centro social, unha zona de ocio na Alta e a mellora da seguridade viaria na estrada de Santiago, unha petición que se trasladará dende o Concello á Deputación da Coruña, titular da vía. E unha vez máis falouse do deslinde de Coristanco, unha materia pendente que se retomará tras o cambio de goberno no municipio veciño.

Compartir: