Entrecruces, Oza e Noicela-Rebordelos acollen esta semana os últimos consellos parroquiais do mandato
A semana pasada reuníronse os de Aldemunde e Berdillo
Luns 25 de marzo do 2019
Xuntanza do Consello Parroquial de Aldemunde
Esta semana celébranse os últimos consellos parroquiais do mandato: o martes reúnese o de Entrecruces; o mércores, o de Oza, e o xoves, o de Noicela-Rebordelos, todos ás 20.30 horas e coas portas abertas aos veciños e veciñas que queiran achegarse. As próximas xuntanzas terán que agardar a despois do verán, cando tomen posesión os novos membros da corporación e cada grupo político designe aos seus representantes nestes órganos de participación veciñal.
Despois de dous anos a pleno funcionamento, os consellos parroquiais están plenamente consolidados e funcionando con moi bos resultados en todas as parroquias.
A semana pasada reuníronse os de Aldemunde e Berdillo. No primeiro caso explicouse por parte dos representantes do goberno municipal como están as dúas actuacións pendentes na parroquia: o acondicionamento dunha praza na contorna da escola, que está en fase de contratación e adxudicarase, previsiblemente, o mes que vén, e o arranxo da pista da Braña das Cubas, que vai incluída no plan de accesos a vivendas, adxudicado xa á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino.
Ademais deuse conta de que dentro do PEIM, que financia a Xunta, acondicionarase o acceso á Pedra Moura, excluíndo a zona de protección do dolmen. A veciñanza presentou a posibilidade de que se habilite o camiño da Ribeira da Pena como zona de paseo e queixouse polo mal estado no que quedan as pistas despois das talas de madeira. Esta queixa repítese en varias parroquias.
Xuntanza do Consello Parroquial de Berdillo
O Consello Parroquial de Berdillo, pola súa banda, fixo tamén repaso das melloras que se van executando e das peticións que aínda están pendentes de resolución. Esta semana, por exemplo, está previsto que continúen as obras de mellora da rede viaria, tanto os asfaltados coma o aglomerado da pista que vai ata o cemiterio de Bértoa. A maiores acondicionarase a contorna do centro de día para facilitar a mobilidade das persoas maiores que o utilizan.
Unha das reivindicacións do Consello Parroquial de Berdillo, aínda que non se trata dunha competencia municipal, é a mellora da seguridade na estrada provincial. Nesta última xuntanza a veciñanza solicitou que, a falta doutras medidas, se coloquen sinais semellantes aos existentes na travesía de Oza.
Entre outros moitos aspectos que se analizaron polo miúdo, tamén se deu conta das xestións realizadas pola veciñanza con respecto ao topónimo, no que se segue a traballar.