Os consellos parroquiais de Vilela e Sofán traballan en proxectos para mellorar a calidade de vida da veciñanza
A prioridade en Vilela é o espazo público xunto ao pombal, que está en tramitación; mentres que en Sofán o obxectivo é ampliar a pista do centro social pensando no tránsito peonil
Venres 15 de marzo do 2019
O Consello Parroquial de Vilela reuniuse o mércores
Esta semana reuníronse os consellos parroquiais de Vilela e Sofán. Nos dous falouse de proxectos que están en marcha dende atrás pero nos que pouco a pouco se van dando pasos co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza con novos servizos e infraestruturas.
A prioridade que ten marcada o Consello Parroquial de Vilela é o acondicionamento dunha praza pública xunto ao pombal. A modificación urbanística precisa para acometer ese proxecto está xa en tramitación, e, tal como explicou o alcalde, Evencio Ferrero, o obxectivo é que estea aprobada definitivamente este ano para poder incluír a obra nos orzamentos do 2020.
Na reunión desta semana tamén se puxeron sobre a mesa varias actuacións no centro social, dende unha posible ampliación ata a colocación dun armario. A veciñanza tamén solicitou o acondicionamento de varias fontes e de pistas forestais, e unha vez recolléronse as queixas das familias polo horario de volta do autobús do colexio, xa que, segundo expuxeron, os nenos e nenas chegan sobre as 15.20 horas, 40 minutos despois de que rematen as clases.
Sofán
A xuntanza do Consello Parroquial de Sofán foi o xoves
En Sofán, o cabalo de batalla do Consello Parroquial é a ampliación da pista do centro social. O alcalde entregoulles un plano xunto cos datos catastrais das parcelas afectadas. Os/as propietarios/as serán convocados a unha xuntanza para explicar o obxectivo do proxecto, que basicamente é ensanchar a vía para poder construír beirarrúas nunha marxe e aparcamento na outra, facilitando así o tránsito peonil e mellorando a seguridade viaria. Neste sentido tamén se abordou a necesidade de actuar na estrada autonómica para reducir a velocidade do tráfico, ben instalando un paso de peóns elevado ou ben un semáforo con pulsador. O alcalde comprometeuse a encargar un informe á Policía Local e a trasladar a proposta final á Xunta.
A veciñanza de Sofán tamén pediu a mellora da sinalización e a instalación de rede wifi no centro social, e ademais expresou as súas queixas polas interferencias que se rexistran, sobre todo polas tardes, en determinadas canles de televisión, un problema que, ademais das xestións que poidan facerse individualmente, trasladarase tamén dende o Concello a Retegal.