Os consellos parroquiais de Artes e Lema fixeron un repaso das actuacións realizadas e das pendentes
Para a próxima semana están previstas xuntanzas en Rus e Ardaña
Domingo 17 de febreiro do 2019
O Consello Parroquial de Artes reuniuse o día 14
Despois de dous anos e medio en funcionamento, os consellos parroquiais están aproveitando as últimas xuntanzas do mandato actual para facer balance das actuacións realizadas e revisar o estado das que quedan pendentes. Esta semana volvemos a ter outros dous exemplos en Artes e Lema.
No primeiro caso, as principais necesidades trasladadas pola veciñanza están solucionadas ou en vías de solución. Nestes momentos está a elaborarse o proxecto para levar o saneamento ás últimas vivendas da parroquia que quedan sen el, e que, en función do resultado económico do peche do ano, podería financiarse con cargo ao superávit do 2018. A limpeza do renovado Centro Social, no que acaba de completarse o mobiliario, e a instalación dun parque infantil son dúas peticións ás que por parte do Concello de Carballo intentarase darlles tamén solución.
Máis complicado, dado que non é unha competencia municipal, será arranxar os problemas de cobertura de Internet, outra das necesidades que xorden en todas as parroquias. Aínda que Movistar está despregando fibra en varios puntos, aínda quedan zonas de sombra. TeGa aposta como alternativa por empresas que ofrecen cobertura por satélite ou por redes inhalámbricas.
A xuntanza do Consello Parroquial de Lema foi o día 15
En Lema tamén se falou das dificultades para acceder a Internet que hai na parroquia, pero os temas centrais foron outros, fundamentalmente porque están en marcha nestes momentos tres importantes proxectos: a reforma integral do centro social, que se calcula que podería comezar en abril, segundo comentou o alcalde; o aglomerado da vía da Vixía ao Igrexario, xa adxudicada, e que inclúe tamén a pavimentación do campo da festa, e a pavimentación con cemento do núcleo de Castrillón, que tamén está en fase de contratación. A maiores, Evencio Ferrero informou de que para este ano está previsto iniciar os procedementos para a execución da rede de abastecemento de auga dende Razo ata o Igrexario de Lema e o saneamento do Pinar.
Para a veciñanza tamén ten especial importancia, e nesa liña quere traballar, a dinamización turística da parroquia mediante sinalización, acondicionamento de rutas de sendeirismo ou da posta en valor de elementos patrimoniais coma o conxunto de muíños que o Concello está limpando xa neste momento.
A rolda de consellos parroquiais continuará a semana que vén en Rus, o mércores 20, e Ardaña, o xoves 21, en ámbolos casos ás 20.30 horas.