Comenzamos en Bértoa a última rolda de consellos parroquiais do mandato
A xuntanza rematou cun animado debate veciñal sobre a prolongación da rúa Vila de Negreira e a necesidade dunha circunvalación en Carballo
Xoves 31 de xaneiro do 2019
O Consello Parroquial de Bértoa reuniuse o mércores 30
Bértoa foi escenario este mércores 30 do primeiro consello parroquial do ano, co cal abrimos ademais a última rolda de consellos do mandato, xa que despois das eleccións municipais de maio será preciso renovar a representación política en función da composición da nova corporación.
Durante a hora e media que durou a xuntanza fíxose un repaso dos compromisos adquiridos en xuntanzas anteriores.
- Alumeado público: no proxecto de instalación de puntos de luz que está en marcha non se incluíu un dos focos solicitados, un fallo que o Concello intentará solucionar.
- Senda peonil de acceso ao polígono: o alcalde explicou que está a elaborarse un proxecto que inclúe a senda e tamén a instalación de hidrantes no polígono, para o cal solicitarase subvención á Consellería de Industria.
- Saneamento: o Concello está a elaborar as memorias valoradas das actuacións solicitadas pola veciñanza para intentar acometelas o antes posible.
- Aglomerados: xa están adxudicadas as obras das vías Caracola-Oza, onde xa se fixo unha tala para poder ensanchar o acceso dende Oza, e cemiterio de Bértoa-Berdillo, na que xa comezou a limpeza de cunetas.
- Accesos a vivendas: en proceso de adxudicación, aínda que para a súa execución haberá que agardar a que mellore o tempo.
- Centro social: Evencio Ferrero explicou que ao concurso público presentáronse tres empresas, e que agora corresponde aos técnicos valorar as ofertas. En todo caso, sinalou, o edificio ten que estar rematado este ano.
- Paseo do Anllóns: o alcalde deu conta da adhesión do Concello ao convenio coa Deputación para poñer en valor o río, cunha achega inicial de 500.000 euros.
A última parte da xuntanza estivo centrada no debate sobre o proxecto de prolongación da rúa Vila de Negreira e na necesidade dunha circunvalación en Carballo, polo menos para dar saída ao tráfico da estrada de Santiago. Veciños e representantes políticos expresaron o seu parecer con respecto a ámbalas dúas actuacións. Ademais de Evencio Ferrero, no Consello Parroquial de Bértoa participaron Carmen Regueira, en representación do BNG; Aurelio Núñez, do PP, e José Bello Pallas, de Terra Galega.