Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Entrecruces fixo un repaso á situación das peticións realizadas pola veciñanza

Evencio Ferrero anunciou que nos orzamentos do vindeiro ano incluirase o proxecto de saneamento dos lugares de Taboada e A Granxa

Mércores 14 de novembro do 2018

O Consello Parroquial de Entrecruces reuniuse onte

O Consello Parroquial de Entrecruces reuniuse onte

O Consello Parroquial de Entrecruces repasou, unha por unha, as principais peticións realizadas pola veciñanza en sesións anteriores. Un dos temas que máis preocupaba era o alumeado, e o alcalde explicou que, tras a aprobación da ampliación do contrato coa empresa concesionaria, a colocación dos puntos de luz realizarase antes de que remate o ano. Coma no resto das parroquias, á hora de elaborar o cadro de necesidades tivéronse en conta as peticións trasladadas ao Concello a través dos consellos parroquiais.

Co centro social -que foi unha da prioridades marcadas nas primeiras xuntanzas- xa rematado e en uso, outra das demandas que tamén se está a materializar é a ampliación da rede de saneamento. Nestes momentos está en execución o proxecto da Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, e Evencio Ferrero anunciou que nos orzamentos do 2019 incluirase o de Taboada e A Granxa.

O proxecto de acondicionamento do lavadoiro e a súa contorna tamén conta xa con consignación orzamentaria e, segundo explicou o alcalde, está pendente da autorización de Augas de Galicia. O que non puido facerse foi o ensanchamento de pistas, que onte volveu a suscitar polémica, debido á oposición de determinados/as propietarios/as a ceder os terreos. “Onde a xente deu ancheouse, pero a xente non deu e non puido facerse”, insistiu Evencio Ferrero, que amosou unha vez máis o compromiso do Concello de Carballo para mellorar a rede viaria sempre e cando exista colaboración veciñal para facer uso do solo preciso.

Con respecto aos parques infantís, o alcalde asegurou que se mellorará o que está situado xunto ao centro social e que o resto das peticións atenderanse en función da dispoñibilidade e sempre supeditadas á existencia de usuarios/as potenciais.

Ademais da representación veciñal, ao Consello Parroquial de Entrecruces asistiron Benedito Viña (BNG), Aurelio Núñez (PP) e Andrés Eirís (TeGa).

Compartir: