Avanza a tramitación para a construción do centro social de Goiáns, que a veciñanza sitúa como máxima prioridade
O Concello de Carballo xa pode iniciar a elaboración do plan especial despois de que os departamentos de Urbanismo, Estudos do Territorio e Calidade Ambiental da Xunta emitisen os seus informes
Venres 9 de novembro do 2018
O proxecto do centro social foi, unha vez máis, o tema estrela do Consello Parroquial de Goiáns. A veciñanza é consciente de que os trámites levan o seu tempo, pero xa lles tarda un local no que poder levar a cabo actividades coma, por exemplo, o magosto programado para o sábado que vén, e por iso pediron a maior celeridade posible. O alcalde explicoulles que o 16 de outubro recibíronse os informes da Xunta de Galicia, previos á redacción do plan especial da parcela na que se situará o edificio, que son preceptivos. Calidade Ambiental non considera preciso realizar un estudo de impacto e Urbanismo tampouco pon pegas, e unicamente por parte de Estudos do Territorio considérase preciso xustificar o motivo do emprazamento elixido. Iso é precisamente o que vai facer o plan especial, argumentando, entre outros aspectos, que alí xa existía un equipamento previo.
Despois da aprobación do plan especial haberá que elaborar o proxecto para poder licitar e executar a obra. Evencio Ferrero insistiu en que todo este tipo de tramitacións son máis longas do desexable, pero asegurou que Goiáns terá o seu centro social o antes posible. Mentres tanto, a veciñanza terá que seguir utilizando outros espazos, coma a escola, onde se reúne o Consello Parroquial, ou o campo da Braña, onde se celebrará o magosto da semana que vén.
Outros asuntos
Na xuntanza de onte falouse tamén sobre a colocación de puntos de luz, a necesidade de colocar contedores de lixo de máis capacidade nalgúns puntos, o arranxo de algunhas pistas, a posibilidade de contar cun colector para o aceite usado ou o acondicionamento do río de lavar e a fonte de Bas. A veciñanza expresou novamente a súa preocupación pola existencia dun punto de trapicheo de droga e trasladou as queixas das familias do alumnado da escola pola alta velocidade á que circulan os vehículos pola pista de acceso. A instalación de lombos que obriguen a circular máis amodo foi unha das propostas que secundaron tanto o alcalde coma o representante de Terra Galega, Andrés Eirís.
Outro asunto de gran importancia para a parroquia é o mal estado da estrada autonómica, que leva anos sen ningún tipo de mantemento por parte da Xunta de Galicia. A veciñanza pediu ao Concello que volva a insistir ante a Administración competente na necesidade de acometer unha actuación na vía, que ten moito tráfico pesado.