Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O alcalde anunciou no Consello Parroquial de Ardaña o próximo inicio das obras de pavimentación do campo da festa

Evencio Ferrero explicou que o abastecemento de auga a Oza e Razo será o primeiro paso para estender un servizo cada vez máis demandado

Xoves 11 de outubro do 2018

O abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, que está en fase de contratación, será o primeiro paso para estender un servizo que cada vez ten máis demanda, como recoñeceu o alcalde, Evencio Ferrero, no Consello Parroquial de Ardaña. O alcalde realizou esta afirmación a raíz dunha petición para levar a auga a Quintáns. “Terá que quedar en lista de agarda, porque dámoslle prioridade á costa pola poboación que hai e polo importante incremento da demanda que se produce durante o verán”, explicou. Evencio Ferrero dixo ser consciente da necesidade de seguir ampliando a rede. “O ano pasado tivemos que levar auga a 52 lugares, e este ano son agora mesmo preto de 10”, comentou. Pero tamén aludiu ás dificultades que supoñen este tipo de proxectos tanto polo seu elevado custe (a traída a Oza e Razo custará 1,7 millóns de euros) coma pola complexidade técnica (a extensión futura desde Razo ata a zona de Baldaio suporá a instalación de 30 quilómetros de rede).

O Consello Parroquial de Ardaña reuniuse onte á noite. Ademais de valorar moi positivamente os traballos de limpeza de cunetas e mellora da rede viaria secundaria, en marcha nestes momentos, a veciñanza interesouse polo avance das xestións para completar a pavimentación do campo da festa. O alcalde anunciou que a obra, que tamén incluirá o soterramento da liña telefónica e a pavimentación da pista do cemiterio, está adxudicada e comezará con toda probabilidade en novembro.

Outra demanda importante é a ampliación das beirarrúas ata Barís. A este respecto, o alcalde indicou que o Concello intentará chegar a un acordo coa Deputación, titular da vía, para acometer as obras. Tamén se presentaron outras propostas de menor envergadura, como o cambio de situación dun contedor ou a colocación dun sinal.

A próxima xuntanza será o 21 de febreiro do 2019.

Compartir: