ASISTIRON MÁIS DE 30 PERSOAS
O Consello Parroquial de Rus expresa a súa preocupación pola inseguridade viaria na zona da Canosa
Rebordelos e Noicela celebran esta semana a súa primeira xuntanza conxunta tras a fusión dos dous consellos
Luns 1 de outubro do 2018
A participación nos Consellos Parroquiais varía moito dunha parroquia a outra, e mesmo na mesma parroquia varía moito dunha xuntanza a outra, xa que as xuntanzas son abertas “e todo o mundo é libre de entrar ou saír cando queira”, como explica sempre Evencio Ferrero. Este venres celebrouse en Rus un consello especialmente concorrido, xa que asistiron máis de 30 persoas entre representantes veciñais e políticos.
En cada parroquia hai persoas que voluntaria e desinteresadamente exercen como secretarias para levantar acta das sesións, e ademais trasladan as peticións recollidas nas asembleas veciñais previas, que no caso de Rus tamén contou cunha participación extraordinaria. Ao estar presente, cada veciño ou veciña puido explicar a súa proposta, en xeral cuestións de pouca importancia que son trasladadas polo alcalde ao servizo municipal encargado de solucionalas: unha arqueta sen tapa, un sinal tirado, un fallo no alumeado, un río de lavar que perde auga ou un desaxuste no servizo de recollida do lixo...
Pero tamén se puxeron sobre a mesa cuestións de máis calado, como a necesidade de mellorar a seguridade viaria na estrada provincial Carballo-Portomou ao seu paso pola Canosa. Na xuntanza expuxéronse distintas medidas, coma a instalación de lombos ou a construción dunha rotonda no cruce. Como é habitual, as demandas serán trasladadas á Deputación da Coruña como titular da vía.
A veciñanza de Rus tamén amosou interese pola extensión dos servizos de saneamento e abastecemento de auga. En relación con este último, o alcalde sinalou que a prioridade é a costa. A intención do goberno é seguir investindo en obras hidráulicas nos vindeiros anos, pero Evencio Ferrero sinalou que o ritmo sería máis rápido se houbese colaboración de Augas de Galicia.
Próximos consellos
Os Consellos Parroquiais continúan esta semana coa primeira reunión conxunta de Rebordelos e Noicela tras a fusión. A xuntanza está prevista para o xoves 4 ás 20.30 horas. As próximas serán en Oza (día 9), Ardaña (10), Razo (18), Vilela (19), Sofán (24) e Aldemunde (25).