Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Artes marca como próximas prioridades completar o saneamento e arranxar a pista do local

A veciñanza quere esgotar todas as posibilidades de acondicionamento da antiga reitoral como centro de día para doentes de alzhéimer

Venres 28 de setembro do 2018

O Consello Parroquial de Artes reuniuse onte pola tarde

O Consello Parroquial de Artes reuniuse onte pola noite

Agora que o centro social está listo para ser utilizado, a veciñanza de Artes quere que se arranxe a pista que pasa xusto por diante. O Concello de Carballo, de feito, xa está elaborando o proxecto, tal como se acordara nunha xuntanza anterior, coa intención de acometelo tan pronto como sexa posible. Sen embargo, no Consello Parroquial de onte xurdiu outra prioridade, xa que boa parte dos presentes manifestáronse partidarios de completar primeiro a rede de saneamento e deixar a pista para despois. O debate puxo de manifesto que se trata de dúas actuacións importantes para os veciños e veciñas, pero, como está a facer en todos os consellos, o alcalde insistiu na necesidade de establecer unha orde de prioridades, “porque todo a un tempo non se pode facer”, recalcou Evencio Ferrero.

O concelleiro Luis Lamas, que representa ao BNG no Consello Parroquial de Artes, explicou que precisamente veñen de rematar os saneamentos dos lugares do Barral, Quintela e Cadavoso, e que a intención é seguir saneando o territorio na medida das posibilidades ata chegar ao 100% da poboación. Nese sentido, na xuntanza destacouse o importante esforzo en materia e saneamento realizado nos últimos anos coa posta en marcha de varias depuradoras e a instalación de quilómetros de rede, algo que corroborou o representante do PSOE, José Antonio Viña. Por parte do PP asistiu Cristian Puente, e de TeGa, Estefanía Canosa.

A obra do centro social está rematada e só faltan algúns detalles

A obra do centro social está rematada e só faltan algúns detalles

Aínda que o debate entre saneamentos e pista centrou a última parte da xuntanza, tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de realizar varias actuacións menores na escola. O alcalde pediu que este tipo de cuestións se canalicen a través das direccións dos colexios, ás que todos os cursos se lles pide un informe de necesidades para poder atendelas, se é posible, durante o verán.

O Consello Parroquial de Artes tamén dedicou boa parte da reunión á proposta de acondicionamento da antiga casa reitoral como centro de día para doentes de alzhéimer, xa que a veciñanza quere esgotar todas as posibilidades. A oferta segue sobre a mesa e o Concello de Carballo mantén o seu compromiso de cofinanciar o proxecto sempre que haxa implicación tamén doutras Administracións.

Compartir: