Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O alcalde comprométese no Consello Parroquial de Bértoa a ampliar os medios para axilizar a limpeza de cunetas

A veciñanza establece como prioridade de cara ao futuro a extensión da rede de saneamento aos lugares que carecen dela

Xoves 6 de setembro do 2018

A xuntanza do Consello Parroquial de Bértoa celebrouse o mércores

A xuntanza do Consello Parroquial de Bértoa celebrouse o mércores

Aínda que do que máis se falou foi da Lei de prevención dos incendios forestais e de como afecta aos propietarios/as de montes, o Consello Parroquial de Bértoa interesouse por moitos outros temas, entre eles a limpeza das cunetas, que este ano vai un pouco máis retrasada do habitual.

O alcalde explicou que normalmente a roza faise con dous tractores municipais e outros dous contratados. Estes últimos teñen asignados uns quilómetros determinados no seu contrato, e xa os completaron. En canto aos municipais, este ano coincidiu a xubilación dun tractorista, polo que foi preciso realizar unha convocatoria para cubrir esa praza e non podía facerse ata que se materializase o retiro do anterior traballador, e ademais un dos vehículos tivo unha avaría. En definitiva, un cúmulo de factores que influíron negativamente nos traballos e aos que se uniu o tempo, que contribuíu a un crecemento da herba maior do normal.

Os presentes coincidiron co alcalde en que o verán é a época óptima para levar a cabo estas tarefas, xa que a maleza tarda máis en medrar se se corta en época de seca, e do contrario haberá que estar rozando continuamente, algo inasumible para calquera concello, e máis no noso caso, xa que temos máis de 1.000 quilómetros de vías municipais. Por iso, e para evitar que a situación deste ano se repita, Evencio Ferrero anunciou que de cara ao ano que vén ampliaranse os medios dedicados á limpeza das cunetas, tanto aumentando o número de quilómetros contratados coma o de tractores. De feito, o Concello de Carballo xa ten en marcha o procedemento de contratación para a adquisición dun novo vehículo.

Logros e cuestións pendentes

A veciñanza amosou moito interese pola prolongación do paseo do Anllóns

A veciñanza amosou moito interese pola prolongación do paseo do Anllóns

Na xuntanza deuse conta de varias actuacións realizadas, como a mellora da seguridade viaria no cruce da estrada de Baldaio, a instalación de semáforos na AC-552 (un deles pendentes da alta por parte de Fenosa), os aglomerados das estradas municipais de A Ponte a O Moucho e de Mirón á estrada de Razo, pendentes de contratación; a construción do centro social, cuxa licitación empezará a tramitarse en breve, ou as limpezas do refuxio de Queo e a Ponte Ferreira.

Pero tamén quedan importantes actuacións pendentes para as que se precisa a intervención doutras Administracións, como a prolongación do paseo do Anllóns ou a construción da circunvalación de Carballo, que a veciñanza considera especialmente importante. De cara ao futuro, o Consello Parroquial de Bértoa establece coma prioridade para a parroquia a extensión da rede de saneamento aos lugares que carecen dela. Ademais interesáronse pola posibilidade de contar cun centro de día na parroquia.

A próxima xuntanza quedou fixada para o 30 de xaneiro do 2019 ás 19.30 horas.

Compartir: