Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

As actuacións establecidas como prioritarias polo Consello Parroquial de Lema están en vías de solución

A veciñanza solicitou o compromiso de “todos os representantes políticos” para a mellora dunha parroquia “historicamente maltratada”

Sábado 17 de marzo do 2018

Os orzamentos municipais do 2018 inclúen dous dos proxectos considerados prioritarios polo Consello Parroquial de Lema: a reforma integral do local social, cun orzamento de 182.000 euros, e o aglomerado da vía que vai desde o Igrexario ata A Vixía, que custará 241.938 euros. Ademais, nestes momentos está en fase de contratación a obra de aglomerado da vía estruturante que atravesa as parroquias de Lema, Noicela e Rebordelos, por 278.000 euros.

Quedaría outra actuación, tamén moi demandada, que inclúe a pavimentación con cemento do lugar do Castrillón, así como do acceso a Santa Irene, e o acondicionamento do miradoiro, cun investimento de máis de 300.000 euros. Este venres, despois dun debate sobre as necesidades da parroquia, chegouse ao acordo de intentar actuar no Castrillón con cargo ao superávit do 2017, pero no caso de que non sexa posible (o alcalde explicou que de momento descoñécese o importe do superávit) incluirase nos orzamentos do 2019.

José Bello Pallas, de Terra Galega, considerou que o Concello de Carballo podería acometer xa os dous proxectos, o da Vixía e o do Castrillón, “unha semana un e outra semana outro”. Pola súa banda, Héctor García Andrade, do PP, preguntou pola posibilidade de elaborar un plan especial para Lema, ademais dos de Arnados-Razo e Pedra do Sal. O alcalde, Evencio Ferrero, respondeulle ao primeiro que pedir é moi doado, pero que é imposible asumir todo o que pide TeGa, en alusión á substitución das canalizacións de fibrocemento, a adquisición do urbanizable da Cristina, etc. Ao edil popular replicoulle que o Concello de Carballo está a elaborar os plans especiais que están previstos no PXOM por decisión unánime de todos os grupos, incluído o popular.

Tamén houbo unha petición por parte da veciñanza a “todos os representantes políticos”: que traballen pola dotación dos servizos básicos a unha parroquia “da máis bonitas e cunha riqueza paisaxística das máis importantes” pero, desde o seu punto de vista, esquecida e “historicamente maltratada”.

Ruta dos muíños

Para o Consello Parroquial de Lema é especialmente importante coidar esa riqueza. Por iso na xuntanza de setembro solicitaran, por exemplo, a limpeza dos muíños que hai desde Centeás ata a escola vella, unha actuación que xa se está levando a cabo e que se completará no verán co acondicionamento dunha senda de zahorra.

Outras peticións de menos envergadura, como a colocación de mobiliario urbano, sinalización ou diversos arranxos concretaranse nunha próxima visita sobre o terreo de representantes do Consello Parroquial e do Concello.

Compartir: