O Consello Parroquial de Bértoa comeza a marcarse novos obxectivos a partir da consecución do centro social
Veciñanza e representantes municipais coinciden en que a senda peonil desde Carballo ata a rotonda do polígono debe facerse polas dúas marxes da estrada
Venres 23 de febreiro do 2018
O proxecto do novo centro social de Bértoa volveu a ser un dos temas clave da reunión que o Consello Parroquial celebrou este xoves, pero esta vez xa cun plano sobre o cal debater as necesidades e a organización do espazo. Unha vez conseguido este obxectivo, que conta xa con consignación nos orzamentos deste ano, veciñanza e representantes municipais comezan a marcarse novas metas.
Ademais do centro social, como apuntou o alcalde, Evencio Ferrero, xa están tamén en vías de realización as obras de aglomerado de dúas vías consideradas estratéxicas para a parroquia polo volume de tráfico que soportan: a do cemiterio a Berdillo e a da estrada da Coruña a Oza. E ademais estase a preparar o proxecto para que a senda peonil e ciclista que une Carballo coa rotonda do polígono industrial discorra tamén pola outra marxe da estrada comarcal. “Creo que é unha das prioridades que deberiamos marcarnos”, apuntou o alcalde.
Un grupo de veciños/as, consultando o plano do centro social co alcalde
A veciñanza coincide con esa proposta e ademais amosou moito interese pola mellora da seguridade viaria mediante medidas como a instalación de bolardos diante do restaurante Cima, a instalación dun semáforo xunto á farmacia (xa está previsto dentro do proxecto da senda), medidas de redución de velocidade en varias pistas ou a eliminación do aparcamento nunha marxe do último tramo da rúa Gran Vía.
As melloras viarias son prioritarias, pero hai máis propostas do Consello Parroquial de Bértoa, como a elaboración dos proxectos que permitan ir completando a rede de saneamento, a reposición de puntos de luz (a veciñanza enviará ao Concello un listado de necesidades) ou a prolongación do paseo do Anllóns. A este respecto Evencio Ferrero anunciou que o vindeiro xoves reuniranse os alcaldes dos concellos da ribeira para seguir avanzando no proxecto conxunto de posta en valor do río.