O Consello Parroquial de Cances prioriza a mellora da rede viaria e da sinalización
Representantes veciñais e do goberno municipal realizarán un percorrido para ver in situ as propostas
Sábado 3 de febreiro do 2018
O centro social de Cances acolleu o segundo Consello Parroquial deste ano, no que, ademais do alcalde, os grupos políticos municipais estiveron representados por Miguel Anxo Calvo (BNG), Belén Insua (PP) e Estefanía Canosa (TeGa).
Na reunión quedou de manifesto que a veciñanza prioriza as actuacións na rede viaria. De feito, tanto o dosier en vídeo que proxectaron como as propostas que xurdiron durante a sesión referíronse practicamente na súa totalidade á mellora de vías. Dada a ampla relación presentada, Evencio Ferrero comprometeuse a realizar un percorrido con representantes veciñais para ver in situ todas as propostas.
Ademais da rede viaria, a outra gran preocupación da veciñanza é a mellora da sinalización, sobre todo en puntos conflitivos para o tráfico, pero tamén para facilitar o acceso a puntos de referencia da parroquia como o Monte Neme, a igrexa ou o propio centro social.
A seguridade é unha preocupación común a todas as parroquias, e en Cances tamén. Por iso a veciñanza pediu ao alcalde que faga as solicitudes correspondentes á Xunta de Galicia (titular da estrada xeral) como á Deputación (titular da vía de acceso ao centro social) para que melloren a seguridade, tanto mediante sinais de limitación de velocidade no primeiro caso como a través do acondicionamento dunha senda peonil no segundo.
A próxima xuntanza quedou fixada para o 7 de setembro.