Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Vilela promoveu o arranxo da antiga escola e a creación dunha asociación veciñal

A reapertura da escola con fins educativos foi un dos asuntos centrais da xuntanza celebrada o venres

Sábado 11 de novembro do 2017

Na súa primeira reunión, no mes de abril, o Consello Parroquial de Vilela marcou como obxectivos prioritarios o acondicionamento da antiga escola para poder utilizala como local social e a extensión da rede de saneamento a varios lugares. O primeiro xa é unha realidade, porque o edificio da escola ofrece agora un aspecto totalmente renovado tras unha actuación moi sinxela que consistiu no pintado interior e exterior e na adquisición de mobiliario. Aínda queda pendente o pintado do muro de peche e a instalación dun parque infantil, que figuran entre os compromisos adquiridos polo Concello de Carballo, tal como lembrou o alcalde na reunión que o Consello Parroquial celebrou este venres.

Malia ser unha das parroquias menos poboadas, o Consello Parroquial de Vilela constituíuse hai sete meses cunha trintena de membros, converténdose deste xeito no máis numeroso dos 17 existentes. Pero a participación segue medrando, e na xuntanza de onte había medio cento de persoas. Pero esta non é a única proba do dinamismo que está a adquirir a parroquia, senón que a raíz da posta en funcionamento do Consello Parroquial tamén se constituíu unha asociación de veciños da que xa forman parte 86 persoas, e que nace, segundo explicou Laura Recarey no nome da xunta directiva, coa intención de darlle máis protagonismo á parroquia.

Outra das probas dese dinamismo é a ampla presenza de xente nova e o feito de que boa parte das peticións trasladadas ao Concello de Carballo teñan que ver coa posta en marcha de servizos para a infancia. Neste sentido, ademais do parque infantil da escola, o Consello Parroquial pediu que se acondicione o de Vilela e insistiu na vella proposta de acadar un acordo coa propiedade do pombal para construír outro alí, xa que, segundo explicou unha das asistentes á reunión, existe boa disposición para que así sexa. O alcalde comprometeuse a contactar de inmediato cos donos do terreo para tratar de formalizar agora a cesión que non puido materializarse anos atrás.

Pero a principal demanda das familias con nenos presentes foi a reapertura da escola con fins educativos. Neste sentido, Evencio Ferrero apuntou que será preciso elaborar unha relación de posibles usuarios/as e presentar a solicitude á Consellería de Educación.

Polo demais, os veciños e veciñas de Vilela recalcaron onte na necesidade de repoñer puntos de luz, na limpeza das fontes, a mellora da sinalización e a extensión da rede de saneamento. Ademais, pediron que se siga insistindo ante a Deputación da Coruña para conseguir a instalación de pasos elevados na vía provincial para mellorar a seguridade.

Compartir: