Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

A veciñanza de Goiáns decidiu en asemblea, e practicamente por unanimidade, o emprazamento para o centro social

A decisión foi trasladada ao Consello Parroquial, no que tamén se recolleron peticións relacionadas coas infraestruturas básicas

Venres 10 de novembro do 2017

Imaxe da asemblea veciñal (cedida)

Imaxe da asemblea veciñal (cedida)

Unha das prioridades nas que está a traballar o Consello Parroquial de Goiáns desde a primeira reunión é a consecución dun terreo para construír un local social. Como no resto das parroquias, o Concello de Carballo pagará a metade do valor do solo e financiará o edificio. Na procura dun emprazamento axeitado, a veciñanza empezou a traballar con catro opcións, pero, segundo se deu a coñecer na xuntanza do Consello Parroquial celebrada onte, finalmente quedaron reducidas a dúas. A escolla realizouse días atrás nunha asemblea veciñal á que foron convocadas todas as persoas empadroadas na parroquia e na que participaron arredor de sesenta, segundo comentaron. Case por unanimidade, xa que só houbo catro votos a favor da outra opción, foi elixida unha finca rústica de 606 metros cadrados no lugar coñecido como O Chaquel, pero como para construír nese tipo de solo fan falta como mínimo 2.000 metros, á veciñanzade Goiáns aínda lle queda un longo proceso por diante para conseguir  unha parcela anexa e tramitar a modificación urbanística correspondente diante da Xunta de Galicia.

O local social é unha prioridade, pero non a única. O Consello Parroquial trasladou aos representantes políticos (houbo participación dos catro grupos municipais) as peticións recollidas entre a veciñanza, entre elas a reposición de puntos de luz, a mellora da rede viaria nalgúns puntos, a colocación de paneis de libre expresión, sinalización... e, sobre todo, a ampliación das infraestruturas de auga e saneamento. O alcalde, que presidiu a reunión, comprometeuse a estudar detalladamente todas e cada unha das propostas e para a vindeira semana xa emprazou aos afectados a unha reunión para abordar o problema do abastecemento de auga en Goiáns.

O Consello Parroquial de Goiáns reuniuse onte pola noite

O Consello Parroquial de Goiáns reuniuse onte pola noite

Evencio Ferrero tamén deu conta de que a brigada municipal de obras está a reparar as beirarrúas da estrada xeral, despois de obter o permiso da Xunta de Galicia para actuar nunha vía de titularidade autonómica. Os veciños reclaman o asfaltado da estrada, algo que, sinalou o alcalde, debe facer a Xunta de Galicia, e engadiu que o Concello de Carballo estaría disposto a asumir a titularidade da vía se por parte da Xunta se realiza previamente unha actuación de mellora integral.

Xa ao remate da xuntanza produciuse un longo debate sobre o problema de tráfico de drogas que, tal como explicaron os veciños, existe na parroquia nunhas casetas colocadas ilegalmente, e pediron unha actuación máis contundente tanto por parte das forzas de seguridade como das Administracións competentes en materia de disciplina urbanística.

Compartir: