Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O plan especial de Arnados e o abastecemento de auga foron os asuntos centrais do Consello Parroquial de Razo

O alcalde anunciou que o proxecto para a traída está practicamente listo e que o investimento achégase a 1’7 millóns de euros

Venres 20 de outubro do 2017

O Consello Parroquial de Razo reiterou as súas principais demandas. Máis e mellor sinalización de puntos de interese como o Monte Neme ou o miradoiro de Santa Mariña, un paseo marítimo ata Baldaio, mellora dos accesos ás vivendas, arranxo da vía de Porriños ou da pista de Pardiñas, pavimentación con cemento en núcleos como Cambrelle, reposición de puntos de luz... son algunhas delas, pero os dous temas que centraron a xuntanza celebrada este xoves foron o plan especial de Arnados e o abastecemento de auga.

Con respecto ao primeiro, o alcalde explicou que a redacción do plan foi adxudicada ao estudo Abadeus Arquitectura e que a sinatura do contrato está prevista para o vindeiro luns, polo que os traballos empezarán de forma inminente. O Concello de Carballo vai investir preto de 100.000 euros na elaboración do documento que definirá os usos nun ámbito de 312.811 metros cadrados, cumprindo os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral pero tamén prevendo as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento desa zona (aparcamentos, actividades deportivas, accesos ás praias ou instalacións turísticas, por exemplo). Neste asunto, ademais de Evencio Ferrero interviñeron os representantes de TeGa, José Bello Pallas, e PSOE, Mari Carmen Vila, que puxeron sobre a mesa distintas opinións sobre o alcance do documento. O PP estivo representado por Aurelio Núñez. Por parte da veciñanza formuláronse tamén numerosas cuestións, polo que o alcalde brindouse a achegar información detallada nunha vindeira reunión.

O abastecemento, nos orzamentos do 2018

En canto ao abastecemento, entre a veciñanza hai certa división de opinións entre quen defende a súa necesidade e quen non, polo que tamén se falou moito sobre o tema. O alcalde insistiu en que para a corporación municipal de Carballo é un investimento prioritario e imprescindible para garantir o desenvolvemento futuro de Razo. Así mesmo, anunciou que o proxecto está case rematado e que suporá un investimento de case 1.700.000 euros que se incluirá nos orzamentos do ano que vén. “Será o investimento máis grande que faga o Concello de Carballo sen axuda doutras administracións”, manifestou.

Compartir: