Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Artes propón a cesión da antiga casa reitoral a unha entidade social

Venres 6 de outubro do 2017

O Consello Parroquial de Artes volveu a abordar a posibilidade de darlle un uso á antiga casa reitoral, pero mentres que na xuntanza de marzo non se presentaron propostas concretas, na que se celebrou púxose sobre a mesa o nome de Afaber. Coñecedores de que a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños andan á procura dun local que reúna as condicións precisas para mellorar a atención ao usuario e poder medrar, tanto os representantes veciñais como os políticos coincidiron en que podería ser unha solución idónea.

Imaxe de arquivo da casa reitoral

Imaxe de arquivo da casa reitoral

A proposta acadou a unanimidade dos presentes, pero aínda queda moito por facer. Para empezar, non só Afaber debe aceptar o ofrecemento, senón que tamén o Arzobispado debe estar disposto a ceder o edificio. Pero ademais sería preciso realizar as obras necesarias para poder homologalo. Neste sentido, Aurelio Núñez, do PP, sinalou que, por exemplo, Afaber non pode dispoñer agora mesmo de prazas concertadas coa Xunta por carecer dunhas instalacións axeitadas. Por parte do Concello de Carballo, sinalou o alcalde, xa se fixo no seu momento un ofrecemento, que reiterou onte, de acometer un investimento deste tipo sempre que se consiga tamén a implicación da Xunta e da Deputación. Evencio Ferrero destacou o importante “labor social” que desenvolve Afaber e nese sentido considera que todas as Administracións deberían colaborar.

As obras do centro social, para o verán

O Consello Parroquial fixo un repaso ao listado de peticións de marzo e ás actuacións realizadas, como o arranxo de toda a rede viaria secundaria ou a contratación das obras de reforma do centro social. Con respecto a esta actuación houbo unanimidade para pospoñer a execución dos traballos ata as vacacións do verán para que non interfiran na actividade da escola, situada na planta baixa, nin das entidades que utilizan o edificio. No exterior, o proxecto inclúe a pavimentación con cemento da zona de acceso, pero a veciñanza solicitou que se mellore toda a vía. O concelleiro Luis Lamas, representante do BNG no Consello Parroquial, avanzou que no orzamento do 2018 está previsto incluír esa obra.

A mellora do alumeado público, a instalación de máis taboleiros de libre expresión e o pintado da estrada das Pallas foron outras das peticións formuladas na xuntanza, á que tamén asistiron José Antonio Viña, en representación do PSOE, e Estefanía Canosa, de TeGa. A veciñanza tamén solicitou aos representantes municipais que insistan ante a Deputación tanto no arranxo da estrada da Feira de Berdillo a Vilar de Francos como na limpeza da Ponte das Táboas.

Compartir: