Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O acondicionamento do local social, que o Consello Parroquial de Lema marcou como prioritario, acometerase no 2018 cun orzamento de 182.000 euros

A veciñanza terá que decidir entre os proxectos da Vixía e do Castrillón para establecer a seguinte prioridade

Sábado 23 de setembro do 2017

A principal demanda formulada pola veciñanza de Lema no Consello Parroquial de marzo será atendida. Os veciños e veciñas solicitaran o arranxo do local social para convertelo “no punto de encontro da parroquia”, e así será. No Consello Parroquial celebrado este venres 22, o alcalde avanzou que xa está elaborado o proxecto de reforma do edificio, que inclúe todas as peticións veciñais, e que será incluído nos orzamentos do 2018 cun custe de 182.000 euros.

Evencio Ferrero pediu aos asistentes que, entre as numerosas peticións recollidas no dossier que entregaron aos representantes políticos, decidan cal debe ser a próxima prioridade. En principio hai certa división entre os que queren que se actúe na zona do Castrillón e os que optan pola Vixía. No primeiro caso, informou o alcalde, xa se elaborou un proxecto que inclúe a pavimentación con cemento do lugar do Castrillón, así como do acceso a Santa Irene, e o acondicionamento do miradoiro, o que suporá un investimento de máis de 300.000 euros. No segundo non está o proxecto elaborado, pero dado que se trata dunha obra viaria, basicamente, Evencio Ferrero indicou que pode facerse rápido. O alcalde comprometeuse a incluír nos orzamentos do 2018 o proxecto que a veciñanza escolla, pero só un, “porque hai que atender as necesidades de todas as parroquias, e o orzamento non é un chicle que se poida estirar”, manifestou.

Outras peticións

Ademais dos grandes investimentos municipais, o Consello Parroquial de Lema insistiu na necesidade de acometer actuacións de promoción do espazo natural e pediu que se xestionen diante de Costas a construción dunha pasarela de madeira para acceder á ponte pequena ou a instalación dun punto de luz. Tamén solicitaron un plan de sinalización, a limpeza dos muíños que hai desde Centeás ata a escola vella ou outras melloras de menor envergadura como a colocación de bancos ou a limpeza de fontes.

Un dos temas do que máis se falou foi do plan especial da Pedra do Sal, que está en fase de contratación, e sobre o cal a veciñanza pediu información. Neste apartado interviñeron tamén os representantes do PSOE, Mari Carmen Vila, e TeGa, José Bello Pallas, que ofreceron puntos de vista diferentes. Á xuntanza asistiron tamén Aurelio Núñez, do PP, e Ángel de la Fuente, do BNG.

Compartir: