Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O proxecto de ampliación da estrada provincial da Pedra do Sal afecta a máis de duascentas parcelas

O alcalde pediu a colaboración do Consello Parroquial de Noicela para conseguir completar a cesión de parcelas, que xa se sitúa arredor do 75%

Sábado 16 de setembro do 2017

O Consello Parroquial de Noicela reuniuse este venres pola noite

O Consello Parroquial de Noicela reuniuse este venres pola noite

Unha das peticións comúns a todos os consellos parroquiais da zona de Baldaio é a ampliación da estrada da Pedra do Sal. Onte en Noicela a veciñanza pediu información sobre as xestións realizadas desde a xuntanza anterior, no mes de marzo, e o alcalde explicou que se acadou o compromiso da Deputación da Coruña de acometer a obra o ano que vén, pero sempre e cando se consiga a dispoñibilidade do solo. E niso andamos. En total hai máis de 200 parcelas afectadas, e a día de hoxe están comprometidas as cesións de un 75% dos propietarios, aproximadamente. Por iso o alcalde fixo un chamamento á colaboración do propio Consello Parroquial de Noicela, igual que o día anterior en Rebordelos, para conseguir completar esas cesións. E para que a veciñanza se faga unha idea do terreo que se precisa, ao longo de toda a vía colocáronse estacas delimitando a zona afectada, que coincide cos peches existentes e coa superficie que os propietarios terían que ceder no caso de querer pechar. “Simplemente se lles pide que fagan esa cesión anticipada”, explicou Evencio Ferrero.

O que semella que será máis difícil conseguir é o terreo para o aparcamento na contorna da igrexa. A propiedade do terreo, que é rústico, esixe que se merquen arredor de seis ferrados e ademais a un prezo de 30 euros por metro cadrado, segundo explicou o veciño que realizou as xestións. O Consello Parroquial considerou inasumible la operación, e tratará de buscar alternativas.

A mellora das estradas é unha prioridade para a veciñanza

A mellora das estradas é unha prioridade para a veciñanza

No Consello Parroquial de Noicela, que comezou cun recordatorio do papel que deben cumprir estes órganos de participación veciñal, abordouse a necesidade de intentar ampliar a representación a todos os lugares da parroquia, xa que a maioría dos membros actuais son da Imende. En canto ás peticións, centráronse na mellora do mobiliario urbano, o acondicionamento da praza da Imende, a reposición de varios puntos de luz, a ampliación da rede de saneamento, o abastecemento de auga ou a limpeza dunha finca. Os veciños tamén se interesaron pola situación do plan especial de Baldaio, que está en fase de contratación, e a posibilidade de organizar máis actividades no centro social ou de construír un parque infantil. O alcalde amosou boa disposición, e convidou ao consello a presentar tanto a súa propia proposta de actividades como do emprazamento do parque. Ademais, Evencio Ferrero informou de que con cargo ao superávit do ano pasado acometerase nos vindeiros meses o aglomerado da estrada local que cruza as parroquias de Lema, Noicela e Rebordelos, que era outra das principais demandas dos tres consellos.

Compartir: