Evencio Ferrero insta ao Consello Parroquial de Goiáns a consultar coa veciñanza a situación idónea para un futuro centro social
A mellora da accesibilidade e da seguridade na estrada da Xunta de Galicia volve a ser a principal preocupación dos habitantes da parroquia
Xoves 22 de xuño do 2017
A poboación de Goiáns ten dúas preocupacións fundamentais. A primeira é a mellora da accesibilidade e da seguridade na estrada autonómica AC-414 e a segunda, a construción dun centro social que permita dinamizar a actividade na parroquia. As dúas capitalizaron a xuntanza celebrada o mércores polo Consello Parroquial, con representación de todos os grupos da corporación municipal.
O Concello de Carballo enviou unha carta á Consellería de Infraestruturas trasladando as demandas da veciñanza en canto a seguridade e ofrecendo a colaboración municipal tanto para financiar a obra como para asumir, unha vez realizada unha reforma integra
Con respecto á travesía, que tamén fora o tema central da anterior reunión, o alcalde informou de que, tal como se acordara daquela, desde o Concello de Carballo enviouse unha carta á Consellería de Infraestruturas trasladando as demandas da veciñanza en canto a seguridade e ofrecendo a colaboración municipal tanto para financiar a obra como para asumir, unha vez realizada unha reforma integral, a titularidade da vía. Evencio Ferrero informou de que o departamento que dirixe Ethel Vázquez contestou con rapidez a través doutro escrito que xa se fixo chegar no seu momento ao Consello Parroquial, e no que basicamente a conselleira explica que nestes momentos están centrando os esforzos noutras actuacións, aínda que non pecha a porta e pídeselle ao Concello de Carballo que “vaia facendo o proxecto para o futuro”.
A veciñanza de Goiáns, no entanto, pide que se siga insistindo na necesidade de actuar na travesía, e que, como medida transitoria, se proceda polo menos ao acondicionamento do treito situado fronte ao almacén do butano, no que, ademais de non haber beirarrúas, a beiravía está invadida pola terra e obriga aos viandantes a circular pola calzada, co conseguinte perigo. Evencio Ferrero comprometeuse a facer a xestión.
Centro social
A outra gran demanda é un centro social. Como se acordara na xuntanza anterior, representantes da veciñanza e técnicos municipais estiveron revisando posibles emprazamentos. Polo momento hai dúas opcións. A primeira consistiría en modificar a cualificación urbanística dunha parte da parcela pública na que se sitúa o vello palco da festa, xa que a maior parte figura no PXOM como zona verde e tería que ser solo de equipamentos. A segunda sería a adquisición dunha parcela de solo rústico de 3.000 metros cadrados como mínimo e tramitar a modificación urbanística correspondente para poder acometer o proxecto. En calquera caso, a tramitación vai levar o seu tempo, e o alcalde instou ao Consello Parroquial a consultar coa veciñanza a opción idónea antes de tomar unha decisión e poñer en marcha o proceso administrativo.