Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Verdillo valorou positivamente as demandas atendidas xa polo Concello e presentou novas peticións

A veciñanza quere potenciar as pistas polideportivas como espazo de ocio evitando a súa utilización como aparcamento

Xoves 8 de xuño do 2017

Unha vez máis, a representación social no Consello Parroquial de Verdillo (un dos acordos foi empregar o topónimo con V en vez de B) presentou un elaborado e completo dosier no que, ademais das propostas, suxestións, reclamacións e preocupacións recollidas nunha asemblea veciñal previa e ilustradas con fotografías e coa xeolocalización dos puntos concretos nos que se sitúa cada unha delas, incluíu un balance das actuacións realizadas dende a primeira xuntanza.

A valoración foi positiva porque boa parte das necesidades expostas foron atendidas, sobre todo no que respecta a sinalización e instalacións deportivas. Pero tamén quedan outras pendentes, especialmente no que se refire á rede viaria. En canto ás pistas municipais, o alcalde, Evencio Ferrero, sinalou que dentro do plan de mellora que se está a acometer en todas as parroquias, as únicas pendentes de contratación nestes momentos son Ardaña e Berdillo, pero os proxectos están preparados para facelo o máis axiña posible. A veciñanza amosou de novo especial preocupación pola falta de seguridade na estrada provincial DP-1904, e chegouse ao acordo de que, en primeira instancia, será o Concello de Carballo o que fará as xestións necesarias ante a Deputación da Coruña para intentar que atenda as peticións de pasos elevados, sinalización, varandas de seguridade e mellora das beirarrúas.

Por parte da representación veciñal tamén se presentou unha proposta de cesión de terreos por parte de dúas veciñas para ordenar a circulación na zona do cemiterio, e o Concello quedou encargado de facer o contacto para coñecer as condicións e abordar a solución ao problema actual. Na mesma liña demandaron a limpeza e a reforma da Ponte de Queo, por ser moi utilizada mesmo polo tráfico pesado.

Evencio Ferrero sinalou que dentro do plan de mellora da rede viaria que se está a acometer en todas as parroquias, as únicas pendentes de contratación nestes momentos son Ardaña e Berdillo

Con respecto á reunión anterior ampliáronse as peticións en materia de saneamento e reiterouse a carencia de cobertura de Internet. E de novo a veciñanza outorgou moita importancia á posibilidade de dispoñer de máis e mellores equipamentos e infraestruturas de carácter social. Neste sentido valoráronse positivamente as actuacións realizadas no campo de fútbol das Pedreiras, que se irán completando en función das posibilidades, ou o arranxo da escola do Añón, que agora é utilizada polos veteranos da SD San Lorenzo e unha peña. Nese mesmo local pídese agora que se asegure o terraplén da parte posterior, unha intervención que os asistentes a esta segunda xuntanza recoñecían que é de difícil execución.

Novo proxecto social

Pero o principal proxecto social que se quere acometer consiste en recuperar as pistas polideportivas situadas por riba do local social “para fins culturais e deportivos”. Para empezar pídese unha actuación urxente de cara ao Albaroque, que se celebrará o día 8, para poder utilizar os vestiarios existentes, pero de cara ao futuro as entidades avogan por habilitar outros vestiarios, colocar equipamento deportivo e pechar o recinto para evitar que sexa utilizado como aparcamento.

Compartir: