A representación veciñal no Consello Parroquial prioriza o arranxo da pista da Fonte a Aldemunde de Arriba
O arranxo do campo da festa, a reposición de algúns puntos de luz e a limpeza do camiño da Ribeira da Pena completan a lista de peticións
Venres 7 de abril do 2017
A presenza veciñal no Consello Parroquial de Aldemunde multiplicouse por catro
Ao primeiro Consello Parroquial de Aldemunde asistiron 20 dos 91 habitantes que ten a parroquia, a menos poboada do municipio de Carballo. Os veciños e veciñas teñen moi claras cales son as súas prioridades, e nesa lista destaca por riba de todas o arranxo do treito de pista que vai dende A Fonte ata Aldemunde de Arriba. Argumentan que é unha vía con moito tránsito, moi estreita e con problemas de canalización de auga durante o inverno, polo que piden que o Concello de Carballo elabore o correspondente proxecto de mellora. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que é o representante do BNG no Consello Parroquial de Aldemunde, comprometéronse a ter en conta esa demanda de cara a vindeiros plans de actuación. A veciñanza, pola súa banda, xestionará as cesións de terreo necesarias para poder acometer o ensanchamento.
De momento, tanto esa pista como as demais asfaltadas serán acondicionadas dentro do plan de reforma integral da rede viaria da parroquia, que se atopa en fase de contratación e que se executará este verán, tal como sinalou o alcalde. Para os veciños e veciñas tamén é prioritaria a pista da Igrexa á Braña das Cubas.
Outra das demandas veciñais que terá unha solución máis rápida será o arranxo do campo da festa. O Concello encargará unha memoria valorada para coñecer o investimento e poder acometelo o antes posible, de xeito que ese espazo público poida ter un maior uso, como demandan os habitantes da parroquia.
Antes da xuntanza, os máis madrugadores aproveitaron o bo tempo no campo da festa
A colocación de varios puntos de luz e a limpeza do camiño da Ribeira da Pena completaron a lista de peticións. Con respecto á primeira delas, o alcalde informou de que se está a elaborar un plan de reposición de alumeado no que se terán en conta, en función das posibilidades, as peticións veciñais das diferentes parroquias. Sobre a segunda, Luis Lamas avanzou que se aproveitará a brigada de medio ambiente para facer unha limpeza de varias sendas peonís, entre elas a da Ribeira da Pena.