Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

Arrancan as obras do centro social de Ardaña, que estará listo antes de que remate o ano

Despois das comprobacións sobre o terreo, técnicos e representantes do Concello de Carballo e da empresa construtora asinaron a acta previa ao inicio dos traballos

Martes 21 de marzo do 2017

Na visita á parcela estiveron o alcalde e os concelleiros Marcos Trigo e Luis Lamas

Na visita á parcela estiveron o alcalde e os concelleiros Marcos Trigo e Luis Lamas

Na parcela adquirida a medias entre o Concello de Carballo e a parroquia de Ardaña xa está todo listo para o comezo das obras de construción do centro social. O alcalde, Evencio Ferrero, os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo, técnicos e representantes da empresa construtora realizaron as comprobacións sobre o terreo, nunha visita á que se sumaron tamén membros do movemento asociativo, e posteriormente asinaron a acta na casa consistorial. As máquinas chegarán á parcela a vindeira semana.

As marcas no terreo dan unha imaxe da envergadura do edificio, que terá 417,09 metros cadrados (368,31 útiles) distribuídos entre o soto (destinado a almacén e instalacións) e a planta baixa. Atendendo ás necesidades do movemento asociativo, o andar principal disporá dunha sala multiusos de 116,12 metros cadrados, un salón social, un aula, vestíbulo, 4 aseos, almacén e un soportal de 68,21 metros cadrados. O centro social de Ardaña, deseñado polo arquitecto carballés Fernando Añón, terá dous volumes claramente diferenciables, con distintas alturas e cores: o máis alto e claro será o formado polo acceso e o salón de actos, e no máis baixo e escuro estarán as estancias de menor tamaño.

A sinatura da acta tivo lugar na Casa do Concello

A sinatura da acta tivo lugar na Casa do Concello

A construción do edificio será financiada integramente polo Concello de Carballo cun investimento de 311.333 euros. A maiores, a empresa adxudicataria da obra, Construcciones López Cao, asumirá sen custe adicional para as arcas municipais o mobiliario e o equipamento do edificio,  a instalación dunha tarima de escenario no salón de actos e dun tabique móbil que permitirá flexibilizar o uso do salón principal, e a urbanización dunha superficie duns  900 metros cadrados. Todas estas melloras están valoradas en 90.000 euros.

A intención da empresa é que o centro social estea rematado este mesmo ano. A petición da asociación Amigos de Ardaña, durante a celebración das festas articularanse as medidas precisas para que as obras causen as mínimas molestias posibles. Malia a envergadura do edificio, aínda quedará moita finca tanto para as celebracións coma para outro tipo de usos, xa que a parcela ten un total de 2.556 metros cadrados.

Compartir: