Medidas de seguridade viaria e máis servizos para a infancia, principais propostas do Consello Parroquial de Rus
O Concello de Carballo pedirá á Deputación da Coruña a transferencia do tramo de vía que vai dende a estrada xeral ata a igrexa
Sábado 11 de febreiro do 2017
O numeroso Consello Parroquial de Rus celebrou o venres pola noite a súa primeira xuntanza, na que por parte dos representantes veciñais trasladáronse ao Concello de Carballo as demandas, propostas e inquedanzas recollidas nunha asemblea veciñal previa. As máis importantes están relacionadas coa seguridade viaria, unha preocupación que comparten a cidadanía e os gobernantes, e que no caso de Rus céntranse na mellora da sinalización horizontal e vertical no cruce da Canosa e na construción de beirarrúas dende a estrada xeral ata a igrexa.
O alcalde de Carballo, que presidiu a reunión, coincidiu coa veciñanza na perigosidade de ámbolos tramos, que, casualmente, forman parte de vías da Deputación da Coruña. Evencio Ferrero comprometeuse a solicitar ao organismo provincial, por unha banda, a transferencia da pista que conduce á igrexa, o que permitiría ao Concello acometer pola súa conta a obra demandada polo Consello Parroquial. Así mesmo, pedirá que os enxeñeiros da Deputación visiten a zona da Canosa para concretar o tipo de sinalización precisa, tanto no que respecta ao pintado da vía (os veciños queren liña continua e pasos de peóns) coma aos indicadores de limitación de velocidade.
Ao igual que en Oza, en Rus tamén están preocupados polos danos causados polas empresas madeireiras, aínda que tamén defenderon esta actividade pola repercusión económica que ten, e recoñeceron que non é doado conciliar os intereses de todos.
No Consello Parroquial de Rus, no que estiveron representados os grupos municipais do BNG e Terra Galega, tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de máis servizos para a infancia, en concreto un parque infantil en Calvos, que o alcalde condicionou á existencia dun número mínimo de nenos/as que garantan o seu uso; unhas porterías en Ramil, e unha marquesiña na Canosa, dúas peticións que tamén estudará o Concello de Carballo.
A próxima xuntanza do Consello Parroquial de Rus será o 15 de xuño.