Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Oza solicita a instalación de pasos de peóns elevados na estrada de Carballo a Razo

O Concello volverá a facer os trámites ante a Deputación da Coruña, titular da vía

Venres 10 de febreiro do 2017

A reunión celebrouse no Centro Social de Oza

A reunión celebrouse no Centro Social de Oza

A instalación de pasos de peóns elevados na estrada de Carballo a Razo ao seu paso por Oza foi unha das demandas do Consello Parroquial na xuntanza do xoves pola noite, xa que os coches circulan a gran velocidade por ese treito, no que xa se teñen producido numerosos accidentes. O alcalde, Evencio Ferrero, que presidiu a reunión, sinalou que por parte do Concello de Carballo téñense presentado varias solicitudes nese sentido á Deputación da Coruña, que é a titular da vía, pero sempre foron desestimadas. De todos os xeitos, o luns remitirase unha nova carta ao organismo provincial, atendendo así a petición dos representantes veciñais, que consideran fundamental garantir a seguridade.

Outro tema polo que expresaron preocupación é o dos danos causados polas madeireiras nas vías públicas e mesmo en propiedades privadas. Os membros do Consello Parroquial interesáronse pola existencia de normativa municipal ao respecto e polas vías ás que poden recorrer ante os posibles “abusos” das empresas. O alcalde explicoulles que Carballo ten unha ordenanza que regula a extracción de madeira e que obriga ás madeireiras a pedir autorización e a depositar un aval polos posibles danos que poidan ocasionar, pero que non sempre se respecta. De todos os xeitos, e como se trata dunha problemática común a todos os concellos, dende a Fegamp estase a traballar na elaboración dunha nova normativa.

O Consello Parroquial de Oza volverá a reunirse o 13 de xuño

Ademais do alcalde, na xuntanza participaron Mª Carmen Regueira Baldomir, en representación do BNG, e José Bello Pallas, de Terra Galega. Os veciños e veciñas transmitíronlles as propostas, queixas e suxestión recollidas nunha asemblea veciñal previa ao Consello Parroquial. Precisamente, e co obxectivo de acadar unha maior participación social, solicitaron a instalación de taboleiros de libre expresión en distintos puntos para manter informada á veciñanza. Nese sentido enviarán unha relación de lugares ao Concello de Carballo e xestionarán, se é preciso, a autorización dos propietarios dos terreos para poder colocalos.

O arranxo da rede viaria, que no caso de Oza xa está en marcha, foi outra das cuestións abordadas. Por parte do Concello de Carballo, o alcalde informou tamén de que nos orzamentos deste ano figura unha partida de 459.419 euros para o arranxo de seis centros sociais, entre eles o de Oza, onde, a petición das entidades que o xestionan, acometerase unha pequena ampliación e o mantemento da madeira que o reviste. Tamén pediu a colaboración do Consello Parroquial para estender o proxecto Carballo na Memoria ás parroquias.

Compartir: