As peticións en materia de servizos e infraestruturas centraron o Consello Parroquial de Ardaña
A nova canle de participación cidadá promovida polo Concello de Carballo empezou a funcionar con moi boa sintonía entre veciñanza e administración
Sábado 4 de febreiro do 2017
O temporal non desanimou aos veciños e veciñas de Ardaña que forman parte do Consello Parroquial, que asistiron practicamente na súa totalidade á primeira reunión de traballo do consello ao completo. Desta volta tiveron en fronte aos representantes da Administración local para presentarlles as súas propostas, solicitudes e queixas, e a maioría xiraron arredor dos servizos e as infraestruturas.
O centro social de Ardaña, cun investimento total de 400.000 euros, terá que estar rematado este ano
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que presidiu a reunión, foi tamén respondendo ás diferentes cuestións presentadas polos representantes veciñais. Así, explicou que xa existe proposta de adxudicación da obra de construción do centro social, que empezará como moi tarde en marzo e terá que estar rematado este ano tras un investimento de 311.000 euros e melloras (mobiliario, mampara de división do salón principal e urbanización exterior) por ouros 90.000. Os veciños e veciñas pediron que se articulen as medidas precisas para evitar que os traballos interfiran na celebración das festas. E, precisamente, en relación a estas interesáronse pola nova convocatoria de axudas para as comisións das parroquias que vai sacar o Concello de Carballo.
Sobre a mellora da rede viaria, que é outra das preocupacións veciñais, Evencio Ferrero explicou que Ardaña e Berdillo serán as últimas parroquias do plan de reforma integral que está a acometer o Concello de Carballo, pero que, en todo caso, faranse este ano. Así mesmo, leu a relación de pistas incluídas no proxecto, que, en opinión dos presentes, responde ás necesidades existentes.
Os veciños e veciñas de Ardaña tamén queren que se completen as redes de saneamento, o cal non está previsto para este ano, e que se teñan en conta as necesidades de completar determinados tramos de beirarrúas, unha proposta que o Concello de Carballo estudará. De igual xeito, teranse en conta as demandas veciñais no novo contrato de alumeado público que se está a preparar na Oficina Técnica Municipal, e nese sentido o alcalde pediulles unha relación detallada dos puntos que se consideran imprescindibles.
Pola súa banda, Evencio Ferrero tamén solicitou a colaboración veciñal para reactivar o proxecto Carballo na Memoria coas achegas de todas as parroquias, un dos “deberes” que teñen os veciños e veciñas para a seguinte reunión do Consello Parroquial, que quedou fixada para o xoves 1 de xuño ás 20.30 horas.