Mercado Municipal

Mercado Municipal

Mercado Municipal
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 700 310

Horarios: 

L-V: 8.00-14h e 17-22h
Sábados: 8.30-14h
Domingos de feira: 8.30-15h

O alumnado de MercaEscola cualifica cun sobresaínte a formación adquirida durante a primeira edición do programa

O 100% das persoas participantes apostan pola continuidade da iniciativa da Concellaría de Feiras e Mercados

Venres 7 de xuño do 2024 Mercado Municipal

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, clausuraron este xoves a primeira edición de MercaEscola, un programa formativo para persoas adultas que responde a unha demanda social e que, ao mesmo tempo, como indicou Ramón Varela, “contribúe a seguir dinamizando o mercado municipal, converténdoo nun lugar de referencia para a compra pero tamén para a formación”.

MercaEscola incluíu 13 actividades, unha máis das previstas inicialmente, repartidas en tres bloques temáticos: consumo, saúde e medio ambiente. Para o primeiro contamos coa colaboración do Instituto Galego de Consumo, que, dentro a través da Escola Galega do Consumo, ofreceunos catro charlas sobre cuestións como os recibos da luz e o gas, a compra responsable, as entidades bancarias ou como presentar unha reclamación, todo dun xeito moi práctico e moi ben valorado polo alumnado.

Precisamente a última xornada de MercaEscola centrouse no consumo responsable e a decisión de compra. O monitor do Instituto Galego de Consumo agradeceu a gran participación e o interese amosado polo alumnado, co que participou na entrega de diplomas e no posterior aperitivo de despedida do curso.

Dentro do bloque dedicado á saúde contamos coa colaboración do oncólogo Alfonso Mariño, da nutricionista e fisioterapeuta Leticia González, da investigadora carballesa María Vilanova, que colabora nun proxecto da Facultade de Fisioterapia da UDC para intentar determinar se a marcha nórdica pode mellorar a patoloxía asmática, e co coordinador de Protección Civil, Javier Souto, que dun xeito moi práctico ensinou nocións básicas de primeiros auxilios para poder aplicar no fogar ante emerxencias cotiás.

O terceiro bloque tivo que ver co medio ambiente e os servizos públicos, e finalmente constou de cinco sesións, xa que a charla impartida por persoal técnico de Sogama espertou o interese do alumnado polo coñecemento das instalacións da Sociedade Galega do Medio Ambiente e organizamos unha visita a Cerceda para coñecelas. A valoración da excursión foi moi positiva, pero, se cabe, aínda sorprendeu máis ás persoas participantes o percorrido polo ciclo da auga de Carballo, que lles permitiu coñecer de man dos técnicos de Gestagua o funcionamento da captación, a planta de tratamento de auga potable e a estación depuradora de augas residuais. Neste apartado incluíronse tamén charlas sobre seguridade viaria, por parte da Policía Local, e sobre a avespa velutina, co servizo municipal de control de pragas.

A primeira edición de MercaEscola contou con 35 participantes fixos, aos que se sumaron, en función das charlas, outras persoas de xeito puntual. A valoración realizada na enquisa de satisfacción acada o sobresaínte, e ademais o 100% das persoas que responderon manifestan o seu interese en participar nunha segunda edición. O alcalde agradeceulles a boa acollida da iniciativa, que, con estes resultados, seguro que vai ter continuidade.

Compartir: