Mercado Municipal

Mercado Municipal

Mercado Municipal
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 700 310

Horarios: 

L-V: 8.00-14h e 17-22h
Sábados: 8.30-14h
Domingos de feira: 8.30-15h

Sae a licitación a cafetería do mercado municipal por un prazo de seis anos e unha renda de 605 euros ao mes

Os/as profesionais interesados/as teñen de prazo ata o 10 de novembro para presentar as súas ofertas

Xoves 26 de outubro do 2023 Mercado Municipal

O Concello de Carballo licita o contrato de arrendamento da cafetería do mercado municipal. Tras a aprobación do expediente na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este luns, xa está publicado o anuncio correspondente no perfil do contratante, e as persoas interesadas teñen de prazo ata o 10 de novembro para presentar as súas ofertas.

O local, con acceso directo tanto desde o interior coma desde o exterior do mercado pola rúa Gran Vía, ten unha superficie útil de 95,05 metros cadrados (3,60 de almacén, 8,05 de cociña e 83,40 de bar) e conta co seguinte equipamento: vertedoiros, mesa de traballo de aceiro inoxidable, cociña, mesa de apoio e caixón en aceiro inoxidable, frixideira, campá extractora con caixa de ventilación homologada, moble cafeteiro, moble contrabarra, barra desmontable, moble botelleiro, lámpadas, estores, asentos e estantes. O/a arrendatario/a encargarase da dotación do equipamento restante preciso para a normal explotación do servizo, así coma do mantemento e a limpeza das instalacións.

Os aseos están situados no vestíbulo e teñen carácter de baños públicos, polo que deberán estar limpos e operativos para o seu uso por parte das persoas usuarias do mercado.

En función do informe técnico realizado, no que se tivo en conta o valor do local e do equipamento, establécese unha renda mínima de 605 euros ao mes, revisable transcorrido o primeiro ano en función do IPC. O contrato terá unha vixencia de seis anos, ampliable ata un máximo de 10. Toda a información e a documentación están dispoñibles no perfil do contratante.

Compartir: