DOMINGO 10 DE SETEMBRO
Volve a Feira Bercamel para poñer en valor o labor e os produtos do sector da apicultura
Martes 29 de agosto do 2023
Imaxe de Bercamel 2022
A primeira feira do mes de setembro terá un atractivo engadido, porque xunto aos mellores produtos da horta bergantiñá, na Praza do Concello teremos un espazo específico dedicado ao mel. A Asociación Galega de Apicultura (AGA), a través da súa delegación na nosa comarca, organiza a segunda edición da Feira Bercamel para seguir afondando en cuestións de interese para as persoas que se dedican á produción pero tamén de difundir as excelencias do mel entre toda a poboación. O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Feiras e Mercados, colabora coa iniciativa.
A feira do mel estará aberta de 09.00 a 14.00 horas na Praza do Concello, onde convivirá coa feira tradicional e tamén coa Feira de Oportunidades que organiza a Concellaría de Promoción Económica coa colaboración da Deputación da Coruña e o Centro Comercial Aberto.
No espazo Bercamel haberá distintos contidos: charlas informativas de especial interese para os/as produtores/as, demostracións e degustacións. O programa complétase cun sorteo de dúas cestas con produtos da feira entre todas as persoas que realicen algunha compra.
PROGRAMA
- 11.00 horas. Información sobre o número de raíñas de avespa velutina capturadas durante a campaña de trampeo
- 12.00 horas. “Etiquetado do mel”, a cargo dun veterinario de AGA
- 13.00 horas. Demostración da elaboración das láminas de cera para as colmeas
- 13.30 horas. Degustación de meles cinco estrelas
- 13.50 horas. Sorteo de dúas cestas de produtos apícolas. As rifas entregaranse con cada compra