O alumnado de cociña do obradoiro Fórum Dual promociona os produtos de proximidade con degustacións no mercado
Mércores 29 de marzo do 2023
Alumnado de cociña do obradoiro de emprego
A partir de agora terás un motivo máis para achegarte ata a praza de abastos de Carballo. O alumnado de cociña do obradoiro de emprego Fórum Dual iniciou este xoves 30 de marzo, coincidindo co mercado semanal, unha serie de degustacións que, ademais de poñer en valor a formación que están a recibir os alumnos e alumnas, contribuirán á promoción dos produtos de proximidade e permitiranche comprobar a súa gran calidade. A próxima está prevista para o 20 de abril, e a partir de aí repetiranse quincenalmente.
O alcalde e varios concelleiros e concelleiras achegáronse ao mercado
A iniciativa arrincou con dúas propostas moi mariñeiras: tostas de pastel de salmón e albóndegas de robaliza en salsa verde, moi ben acollidas polo público. Nas dúas horas que durou a degustación repartíronse 600 tapas, tanto durante os percorridos que fixo o alumnado por todo o mercado coma no posto fixo no que se realizou a preparación, ata o que tamén se achegaron o alcalde, Evencio Ferrero, e varios membros do goberno municipal.
A formación en alternancia é un apartado clave dentro do proxecto do obradoiro dual de emprego que organiza a Concellaría de Innovación, Formación e Emprego e financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Un total de 20 persoas iniciaron a súa formación o pasado mes de outubro, 10 na especialidade de cociña e outras 10 na de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A finais de abril iniciarán o módulo de prácticas profesionais.
Ademais das degustacións no mercado municipal de abastos, co obxectivo de favorecer a empregabilidade do alumnado de cociña no sector da hostalaría, tamén se está a desenvolver unha colaboración coa Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) para a elaboración do almorzo dos seus usuarios e usuarias, tendo en conta as necesidades nutricionais e dietéticas de cada persoa.