Mercado Municipal

Mercado Municipal

Mercado Municipal
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 700 310

Horarios: 

L-V: 8.00-14h e 17-22h
Sábados: 8.30-14h
Domingos de feira: 8.30-15h

O alumnado de cociña do obradoiro Fórum Dual promociona os produtos de proximidade con degustacións no mercado

Mércores 29 de marzo do 2023 Mercado Municipal

Alumnado de cociña do obradoiro de emprego

Alumnado de cociña do obradoiro de emprego

A partir de agora terás un motivo máis para achegarte ata a praza de abastos de Carballo. O alumnado de cociña do obradoiro de emprego Fórum Dual iniciou este xoves 30 de marzo, coincidindo co mercado semanal, unha serie de degustacións que, ademais de poñer en valor a formación que están a recibir os alumnos e alumnas, contribuirán á promoción dos produtos de proximidade e permitiranche comprobar a súa gran calidade. A próxima está prevista para o 20 de abril, e a partir de aí repetiranse quincenalmente.

O alcalde e varios concelleiros e concelleiras achegáronse ao mercado

O alcalde e varios concelleiros e concelleiras achegáronse ao mercado

A iniciativa arrincou con dúas propostas moi mariñeiras: tostas de pastel de salmón e albóndegas de robaliza en salsa verde, moi ben acollidas polo público. Nas dúas horas que durou a degustación repartíronse 600 tapas, tanto durante os percorridos que fixo o alumnado por todo o mercado coma no posto fixo no que se realizou a preparación, ata o que tamén se achegaron o alcalde, Evencio Ferrero, e varios membros do goberno municipal.

A formación en alternancia é un apartado clave dentro do proxecto do obradoiro dual de emprego que organiza a Concellaría de Innovación, Formación e Emprego e financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Un total de 20 persoas iniciaron a súa formación o pasado mes de outubro, 10 na especialidade de cociña e outras 10 na de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A finais de abril iniciarán o módulo de prácticas profesionais.

Ademais das degustacións no mercado municipal de abastos, co obxectivo de favorecer a empregabilidade do alumnado de cociña no sector da hostalaría, tamén se está a desenvolver unha colaboración coa Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) para a elaboración do almorzo dos seus usuarios e usuarias, tendo en conta as necesidades nutricionais e dietéticas de cada persoa.

Compartir: