O pleno debaterá o novo regulamento do Mercado Municipal e a ordenanza que regula as taxas dos postos
A Concellaría de Feiras e Mercados sacará os postos a licitación nos vindeiros meses
Venres 22 de abril do 2022 Mercado Municipal
No Mercado Municipal hai 22 postos interiores e 9 exteriores
No pleno ordinario de abril vaise falar moito do Mercado Municipal. O motivo é que entre os asuntos que integran a orde do día figuran o regulamento do servizo e a ordenanza fiscal que regula as taxas. Como establece a lei, ámbolos dous documentos foron sometidos a consulta pública antes da súa aprobación e unha vez superado ese trámite volverán a expoñerse ao público, tal como explicou hoxe o concelleiro de Feiras e Mercados, Juan Seoane, na habitual comparecencia do goberno para presentar os asuntos da sesión.
Juan Seoane, que acompañou na comparecencia ao alcalde, Evencio Ferrero, explicou que, en canto ao regulamento de funcionamento do Mercado Municipal, as principais novidades son a distinción entre postos fixos e temporais; a existencia de postos sen actividade definida, polo que poderán adaptarse ás necesidades da persoa licitadora, ou a posibilidade de cambio de uso do posto. Agora tamén será posible solicitar ata un máximo de 3 postos colindantes (no regulamento anterior só se permitía optar a un), e obrígase aos concesionarios a ter abertos os postos polo menos durante un 60% do horario. O período da concesión será de 10 anos, con posibilidade dun máximo de 5 prórrogas anuais, pero outra das novidades é que se poderá licitar por menos anos.
Polo que respecta ás taxas, o concelleiro de Feiras e Mercados explicou que por parte do Concello de Carballo realizouse un estudo económico e que se estableceu o menor prezo posible. Deste xeito, o canon baixa entre un 12 e un 13%, e as taxas mensuais redúcense arredor do 45%.
Todo este proceso culminará coa licitación dos postos, un proceso que se levará a cabo nos vindeiros meses, tal como avanzou Juan Seoane. O Mercado Municipal de Carballo conta na actualidade con 22 postos interiores e 9 exteriores, e a gran maioría das concesións están xa caducadas.