O Mercado Municipal estará pechado o luns 8 de marzo para o traslado provisional dos postos ao soto
Arrincan as obras de reforma encamiñadas a modernizar e revitalizar a tradicional praza de abastos de acordo coas demandas da sociedade actual
Venres 5 de marzo do 2021 Mercado Municipal
O soto está sendo acondicionado como mercado provisional
Os postos do Mercado Municipal recolocaranse no soto do edificio para facilitar o desenvolvemento das obras de reforma, que empezarán a semana que vén e que teñen como finalidade a modernización e a revitalización da tradicional praza de abastos adaptando as instalacións ás demandas dos seus usuarios e usuarias, tanto clientela coma comerciantes, e para que entre a formar parte da rede de mercados excelentes de Galicia. As obras foron adxudicadas á empresa Desarrolla Obras y Servicios por 171.989’40 euros. O Concello de Carballo conta cunha subvención do Agader de 50.000 euros.
Entre a fin de semana e o luns está previsto realizar traslado dos postos dende a planta superior ata o soto, polo que, salvo imprevistos, o Mercado Municipal volverá a abrir as súas portas o martes 9, pero xa no seu emprazamento provisional. O prazo de execución estimado é de 45 días.
O obxectivo principal do proxecto é reordenar os postos, crear novos servizos e solucionar algúns dos problemas detectados durante o tempo de uso da instalación. Máis en detalle, as panadarías e a queixería cambiarán de situación coas froiterías, o que permitirá crear tamén novos postos para a comercialización de produtos locais. Ampliaranse tres carnizarías e unha peixería, e crearase unha nova zona de degustación vinculada a un novo establecemento de hostalaría. En canto aos postos exteriores, unificaranse dous do vestíbulo e daráselle acceso directo dende a rúa Gran Vía. Nesa zona tamén se crearán a conserxería-punto de información e unha sala de lactancia. Así mesmo, agrúpanse dous postos da rúa Cervantes para crear unha nova sala de usos múltiples. O soto reformarase para crear catro almacéns con acceso directo ao garaxe. Nesta fase tamén se cambiará o solo, que é unha das principais demandas dos comerciantes actuais.
O Mercado Municipal ten un índice de ocupación do 50% (4 carnizarías, 6 peixarías, 1 froitería, 3 panadarías, 1 florería, 1 bar, 1 queixería e 2 tendas non alimentarias) e unha oferta baseada na calidade e nos produtos de proximidade, dúas características que xogan ao noso favor, xunto coas feiras e mercados dos xoves e domingos, e que queremos aproveitar para relanzar a praza con este novo proxecto.