Mercado Municipal

Mercado Municipal

Mercado Municipal
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 700 310

Horarios: 

L-V: 8.00-14h e 17-22h
Sábados: 8.30-14h
Domingos de feira: 8.30-15h

Adxudicadas as obras da primeira fase da reforma do Mercado Municipal de cara ás novas concesións

O orzamento para a segunda fase, que inclúe a instalación dun ascensor dende a Praza do Concello, será aprobado mañá polo pleno

Luns 23 de novembro do 2020

Na segunda fase instalarase un ascensor dende a Praza do Concello

Na segunda fase instalarase un ascensor dende a Praza do Concello

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación das obras da primeira fase do proxecto de reforma do Mercado Municipal á empresa Desarrolla Obras y Servicios por un importe de 171.989,40 euros. A reforma é consecuencia do estudo elaborado o ano pasado coa finalidade de revitalizar a tradicional praza de abastos de acordo coas demandas da sociedade actual e de buscar usos alternativos de cara ás novas concesións, xa que a maioría das existentes están xa caducadas. O Concello de Carballo conta cunha subvención do Agader de 50.000 euros, repartida ao 50% entre este ano e o que vén.

Para contribuír á revitalización do mercado, por unha banda darase resposta ás demandas dos actuais concesionarios sobre redistribución dos postos, cambio do pavimento da sala de vendas ou reorganización dos almacéns do semisoto para darlles acceso directo dende o garaxe facilitando así o seu uso. Así mesmo, procederase á reordenación dos postos exteriores para crear novos servizos, como conserxería, sala de lactancia ou sala de formación.

Máis en detalle, as panadarías e a queixería cambiarán de situación coas froiterías, o que permitirá crear tamén novos postos para a comercialización de produtos locais. Ampliaranse tres carnizarías e unha peixería, e crearase unha nova zona de degustación vinculada a un novo establecemento de hostalaría. En canto aos postos exteriores, unificaranse dous do vestíbulo e daráselle acceso directo dende a rúa Gran Vía. Nesa zona tamén se crearán a conserxería-punto de información e unha sala de lactancia. Así mesmo, agrúpanse dous postos da rúa Cervantes para crear unha nova sala de usos múltiples. O soto reformarase para crear catro almacéns con acceso directo ao garaxe. Nesta fase tamén se cambiará todo o pavimento.

Segunda fase

Na segunda fase, que non está incluída no contrato actual, instalarase un ascensor panorámico de 12 prazas para facilitar o acceso dende a Praza do Concello e modificarase a escaleira. A partida necesaria, que acada os 101.068,12 euros, será aprobada no pleno de mañá, entre as propostas de investimento de 3,5 millóns de euros do remanente de tesourería para gastos xerais.

Nestes momentos o Mercado Municipal ten un índice de ocupación do 50% (4 carnizarías, 6 peixarías, 1 froitería, 3 panadarías, 1 florería, 1 bar, 1 queixería e 2 tendas non alimentarias) e unha oferta baseada na calidade e nos produtos de proximidade, dúas características que xogan ao noso favor, xunto coas feiras e mercados dos xoves e domingos, e que queremos aproveitar para relanzar a praza con este novo proxecto.

Compartir: