Inicio euqueroRB Novas A Praia dos Libros abre as súas...

HORARIO DE XULLO: DE 13.30 A 17.30

A Praia dos Libros abre as súas portas en Razo para que este verán volvas a desfrutar da lectura na beira do mar

Achégate á bibliopraia e recolle, de balde, o teu exemplar dun novo número do caderno de pasatempos “A píllara das dunas”

Mércores 13 de xullo do 2022

A biblioteca coas mellores vistas do mundo volveu abrir as súas portas e ventás na praia de Razo. Así que este verán, e xa será o segundo, ademais de tomar o sol, practicar surf, bañarte ou xogar ao volei, terás ao teu alcance a pé de praia os últimos éxitos literarios e un punto de información cultural xestionado polo persoal das nosas Bibliotecas de Carballo.

Toma nota dos horarios:

  • Xullo: de luns a venres, de 13.30 a 17.30 horas
  • Agosto: de luns a venres, de 13.30 a 16.30 horas

A Praia dos Libros empezou a funcionar este luns, e hoxe tamén quixeron achegarse ata alí o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, e o alcalde, Evencio Ferrero, que puideron comprobar a boa acollida que teñen as instalacións.

O concelleiro de Cultura explicou que o funcionamento non varía con respecto ao ano pasado. A bibliopraia conta cunha sección de préstamo, na que se require o carné da biblioteca, que pode tramitarse na propia instalación, e outra de bookcrossing, polo tanto de uso libre.

Pero A Praia dos Libros non chega soa, senón que ao longo do verán tamén se desenvolverán na beira do mar outras actividades culturais. A primeira, hoxe mesmo, será a proxección da película xuvenil “Live is life”, ás 22.30 horas en Razo. Pero haberá máis:

  • Mércores 20 de xullo, ás 13.00 horas, “Canta música”, espectáculo musical con Pablo Díaz e Olga Kirk, en Razo.
  • Mércores 17 de agosto, ás 13.00 horas, “Galdaka”, espectáculo de maxia con Dani García, en Razo.
  • Mércores 17 de agosto, ás 22.00 horas, proxección da película “Jumanji: seguinte nivel”, na Pedra do Sal, coa colaboración da Asociación Cultural O Castro de Lema.

Novo caderno de pasatempos!

A concelleira de Normalización Lingüística, pola súa banda, aproveitou a visita á Praia dos Libros para presentar o terceiro caderno de pasatempos “A píllara das dunas”, que estará a disposición de todas as persoas interesadas, de balde, na bibliopraia de Razo e nos postos de salvamento e socorrismo das praias de Pedra do Sal e Baldaio-Saíñas. Maruxa Suárez animou á veciñanza e a visitantes a achegarse a recoller un exemplar e a repetir a experiencia da píllara viaxeira, que tan boa acollida tivo o ano pasado, e que consiste en que compartades unha foto coa vosa “píllara”, dende calquera lugar no que vaiades este verán, etiquetando nas redes sociais ao Concello de Carballo e/ou Turismo Carballo.

No caderno de pasatempos realizado, unha vez máis, en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a píllara das dunas convértese, en palabras de Maruxa Suárez, “en guía excepcional para unha revista tamén excepcional, por pouco habitual, no noso panorama editorial. Unha revista de pasatempos e lecer que combina os xogos de palabras cos numéricos e de lóxica, e todo centrado nas particularidades de Carballo”.

O alcalde, pola súa banda, convidou tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan, a desfrutar dos servizos e dos recursos que pon á súa disposición o Concello de Carballo nas praias. Nese sentido, Evencio Ferrero aludiu tamén ao programa “eu quero Razo-Baldaio”, impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente, que arrincou este mes con moi boa acollida.

Compartir: