Inicio euqueroRB Novas Un arroaz de plástico reciclado...

EU QUERO RAZO-BALDAIO

Un arroaz de plástico reciclado convértese dende a Pedra do Sal nun novo emblema da loita contra a contaminación do mar

O alcalde inaugurou hoxe a escultura, realizada polos artesáns Fabián Lage e Inés Rodríguez coa colaboración de Aspaber e veciños/as a título individual

Mércores 5 de agosto do 2020

Participantes no acto de inauguración da escultura

Participantes no acto de inauguración da escultura

Se a píllara de vimbio que instalamos o ano pasado en Razo se converteu no símbolo do turismo sustentable que tratamos de promover dende o Concello de Carballo, o arroaz de plástico reciclado que reloce dende hoxe na Pedra do Sal vai ser o emblema da loita contra a contaminación do mar, un gravísimo problema medioambiental que volvemos a constatar na xornada de limpeza realizada, tamén hoxe, no marco do programa “Eu quero Razo-Baldaio”, e na que se recolleron 1.000 quilos de residuos, na súa maioría de plástico.

“A idea é concienciar, a ver se pouquiño a pouco podemos eliminar o plástico do mar, porque este é o legado que lles deixamos aos nosos fillos”, sinalou o artesán Fabián Lage no acto de inauguración. El foi o encargado de construír a estrutura de ferro con forma de arroaz, recuberta cos fíos de plástico realizados polos usuarios/as de Aspaber e que se encargaron de tecer as mans voluntarias de moitos veciños e veciñas dirixidos por Inés Rodríguez, artesá especializada en tecidos. “Temos que intentar reducir o uso de plástico, ou polo menos buscarlle un novo uso para que non chegue ao mar”, insistiu Inés Rodríguez.

Así loce o arroaz

Así loce o arroaz

Os dous artesáns agradeceron a iniciativa do Concello de Carballo, que estivo representado hoxe polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Juan Seoane, que convidou á cidadanía a reflexionar sobre o uso que facemos dos plásticos, un uso ás veces “perverso”, en palabras do alcalde.

“Queremos seguir desfrutando deste mar, e aos que nos gusta ver os arroaces no mar tamén nos gusta que teñan a oportunidade de seguilos vendo máis xente, máis xeracións”, sinalou Evencio Ferrero. O alcalde de Carballo destacou a importancia de preservar a diversidade da natureza, “e para conservar esa diversidade _engadiu_ é necesario que todos respectemos o espazo no que vivimos”.

O alcalde felicitou polo traballo realizado tanto aos artesáns coma aos usuarios de Aspaber e aos veciños e veciñas que participaron no proceso de creación da escultura no que se utilizaron 300 botellas de auga e un contedor de papel para a ola sobre a que surfea o novo habitante da Pedra do Sal.

Compartir: