Inicio euqueroRB Novas O proxecto “Eu quero Razo-Baldaio”...

INSCRÍBETE!

O proxecto “Eu quero Razo-Baldaio” inicia unha semana de moita actividade, incluído un obradoiro de artesanía

Fabián Lage e Inés Rodríguez dirixirán un taller, no que tamén participa Aspaber, que ten como finalidade crear unha escultura de ferro e plástico

Luns 13 de xullo do 2020

Usuarios de Aspaber elaboran o fío de plástico

Usuarios de Aspaber elaboran o fío de plástico

Despois de quecer motores coas primeiras actividades deste verán, arrinca unha semana moi intensa para o proxecto “Eu quero Razo-Baldaio”. Aínda que para a saída do sábado 18, que nos permitirá coñecer a flora e a fauna das dunas, xa non hai prazas dispoñibles, aínda podes participar nas propostas que temos para o mércores, o xoves e o venres.

O mércores 15, coa colaboración da Asociación Ecoloxista Adega, levarase a cabo unha acción de eliminación de especies invasoras que se detectaron nas saídas da semana pasada. Para saber máis sobre a proposta, apta para toda a familia, e para inscribirte só tes que pinchar aquí.

Os días 16 e 17, o proxecto trasladarase ao Fórum Carballo, que será a sede dun obradoiro de artesanía aberto a toda a cidadanía. Tras o éxito acadado o ano pasado co taller de vimbio no que construímos a simbólica píllara situada na praia de Razo, repetimos iniciativa, pero nesta ocasión o material será o plástico e o resultado, un arroaz. Usuarios e usuarias de Aspaber levan semanas traballando na elaboración de fío de plástico a partir de botellas de auga e grazas a unha máquina deseñada polo artesán carballés Fabián Lage, que tamén foi o encargado de realizar a estrutura de ferro da nova escultura. O papel dos participantes, guiados pola artesá Inés Rodríguez, especializada en novos materiais, será a utilización dese fío de plástico para completar a escultura, unha obra colectiva que estará exposta na praia para promover a redución do plástico e o coidado do medio ambiente. Se queres participar, entra aquí.

O programa “Eu quero Razo-Baldaio”, que nesta edición leva por lema “Coñecer para valorar”, concéntrase nos meses de xullo e agosto. Debido á situación sanitaria, os grupos son reducidos, cun máximo de 20 participantes, polo que as persoas interesadas deben consultar a axenda aquí e anotarse o antes posible.

Compartir: