Inicio euqueroRB Novas Volve “Eu quero Razo-Baldaio” cunha...

“COÑECER PARA VALORAR”, LEMA DESTA EDICIÓN

Volve “Eu quero Razo-Baldaio” cunha vintena de actividades de turismo consciente no noso litoral

Representantes das entidades ecoloxistas que participan na iniciativa asistiron á presentación das propostas que se desenvolverán a partir do 1 de xullo

Venres 26 de xuño do 2020

Participantes na presentación

Participantes na presentación

Xa podes inscribirte para participar nas actividades do programa “Eu quero Razo-Baldaio”, unha iniciativa das concellarías de Medio Ambiente e Servizos que pretende promover un turismo consciente no noso litoral dende a infancia, e por iso as propostas non só están abertas á participación de toda a familia senón que ese espírito didáctico tamén se traslada á sociedade a través do cartel desta edición. Presentárono hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, nun acto no que tamén estiveron presentes representantes das entidades ecoloxistas que coordinarán as diferentes actividades.

O programa, que nesta edición leva por lema “Coñecer para valorar”, concentrarase nos meses de xullo e agosto, con propostas todos os mércores e os sábados. Debido á situación sanitaria, os grupos serán reducidos, cun máximo de 20 participantes, polo que as persoas interesadas deben consultar a axenda en www.carballo.gal e anotarse o antes posible.

Novidades

Este ano teremos como principais novidades o reparto de cinceiros individuais por parte da empresa Sulo, que contribuirá deste xeito á loita contra as cabichas, que, ademais de contaminar, son un posible foco de contaxio. Tamén se utilizarán os colectores de Ecovidrio como soporte para a difusión das actividades da campaña. E, despois do éxito acadado o ano pasado, teremos un novo obradoiro e unha nova escultura para promover o coidado do medio ambiente e a redución do plástico na nosa vida cotiá.

Do proxecto escultórico encargaranse a artesá Inés Rodríguez, de Allariz, especialista en tecido con novos materiais, e o artista carballés Fabián Lage, que foi un dos asistentes á presentación de hoxe e que vén de desenvolver unha máquina que permite cortar o plástico en tiras de distintos anchos, facilitando o seu aproveitamento artístico e a súa reutilización. Entre ámbolos dous, coa colaboración de persoal de Aspaber, realizarán unha actuación co denominado “fío de pet” sobre unha figura. O deseño, polo momento, permanece en segredo.

Presentación

O concelleiro Luis Lamas expresou a satisfacción do Concello de Carballo polos resultados dun proxecto que permite educar no respecto polo medio ambiente aos carballeses e carballesas do futuro, ademais de reforzar os valores naturais do noso litoral, “que é unha obriga”. Luis Lamas aludiu á importancia de respectar o medio natural, como vén de demostrar a pandemia provocada pola COVID-19, e nese sentido pediu un “esforzo” colectivo para “mellorar o mundo, porque as consecuencias dos nosos actos están á vista”.

Evencio Ferrero, pola súa banda, apelou á “tendencia” natural que temos de “quererlle sempre ao que temos máis preto” para aplicala á nosa costa. Agradeceu a implicación das entidades e destacou que nestes momentos, nos que as praias son noticia porque se colocan estacas e balizas, en Carballo apostemos “porque sempre sexan coñecidas polos valores que teñen”.

As entidades agradeceron o compromiso e a iniciativa do Concello de Carballo á hora de desenvolver un programa “único”.

Froito desa gratitude, Hábitat, Adega e Senda Nova veñen de ceder ao Concello de Carballo as guías de todas as actividades para que a partir de agora calquera persoa poida descargalas dende www.carballo.gal e utilizalas para coñecer e valorar o impresionante complexo natural de Razo-Baldaio.

Ligazóns

Descargas

Compartir: