Inicio Áreas Deporte Novas A Asociación do Barrio da...

A Asociación do Barrio da Milagrosa convida á veciñanza a participar nunha carreira de obstáculos polo barrio no I Desafío Milagrosa

O prazo de inscrición xa está aberto a través do Facebook da entidade, que fixo coincidir a novidosa iniciativa coas festas do barrio

Luns 21 de agosto do 2017

Ríos, Mancebo, Ferrero e Trigo, na presentación

Ríos, Mancebo, Ferrero e Trigo, na presentación

Este ano as festas da Milagrosa comezarán con deporte grazas á iniciativa da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do Barrio da Milagrosa, que convidan a toda a veciñanza a participar no I Desafío Milagrosa. En que consiste? Pois nunha carreira de obstáculos ao longo dun circuíto de 1.000 metros de lonxitude que discorrerá pola contorna do parque. Precisamente neste espazo tivo lugar a presentación da novidosa iniciativa coa participación de José Manuel Mancebo, en representación da entidade promotora; Moncho Ríos, que se encarga da planificación deportiva; o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. O prazo de inscrición está aberto ata o día 31 a través dunha ligazón que atoparedes na páxina de Facebook da asociación (https://www.facebook.com/milagrosabarrio/). Hai un límite de 200 prazas, e a participación é de balde.

O Concello de Carballo colabora no desenvolvemento dunha actividade que promete un animado comezo das festas, xa que se celebrará o 2 de setembro a partir das 9.30 horas.

Para poder participar é preciso ter 16 anos. Os menores de idade terán que formalizar un documento de consentimento paterno. A carreira disputarase por un sistema de quendas cada 10 minutos, e cada unha delas constará de 10 corredores aproximadamente. A orde de saída será por orde de inscrición. Nos días previos á proba, publicaranse os nomes dos membros de cada lote na páxina web da Asociación de Empresarios da Milagrosa. O regulamento completo figura no documento adxunto.

Haberá medallas para todas as persoas que cheguen á meta, e os tres primeiros nas categorías masculina e feminina recibirán trofeos. Os organizadores poñerán a disposición dos/as deportistas servizos de duchas, avituallamento líquido e animación durante o percorrido.

Descargas

Compartir: