Inicio Áreas Deporte Novas 200 ciclistas de base participan este...

200 ciclistas de base participan este sábado no Trofeo Concello de Carballo

A proba, organizada polo Club Ciclista Carballo e a Concellaría de Deportes, reunirá á maioría dos equipos galegos e ao Arte en Transfer de León

Xoves 27 de abril do 2017

200 corredores das categorías escolas (principiantes, alevíns e infantís), cadetes, féminas e júnior cítanse este sábado na nosa vila para disputar o Trofeo Concello de Carballo 2017 de ciclismo, proba que abre o calendario autonómico de estrada para os dous grupos de idade menores máis o feminino. Como xa é habitual, estarán representados os máis dos equipos galegos, aos que se sumará algún de fóra da comunidade, caso do Arte en Transfer de León, que confirmou a súa presencia con 14 ciclistas júnior e 10 cadetes.

O Club Ciclista Carballo e o Concello organizan a carreira coa colaboración de Carballo a un paso, Carballo Deporte, Policía Local e Protección Civil, ademais da Federación Galega de Ciclismo, Xunta de Galicia, Deporte Galego e a Deputación da Coruña. A presidenta, Vanessa Loureiro, e outros representantes do club, xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, presentaron o cartel da proba.

Con saída, meta e zona para quencer na Gran Vía, fronte ao mercado municipal, a competición comezará ás 15.00, horario programado para a proba de habilidade dos principiantes na Praza do Concello e para que os alevíns completen o circuíto urbano: 4 voltas (3 quilómetros) polas rúas Gran Vía, Doutor Fleming, Luís Seoane, Rosalía de Castro, Valle Inclán e Cervantes. Os infantís arrincarán ás 15.30 e deberán dar 14 voltas (10.5 quilómetros) ao mesmo percorrido que os alevíns.

A saída das carreiras cadete e féminas (33,2 km, 1,2 neutralizados) darase ás 16.30, e a da proba júnior (74,1 km, 1,2 neutralizados), ás 18.00. Os pelotón cadete e féminas dará pedais por Carballo, Coristanco e Rus; o júnior, por Carballo, Coristanco, San Paio, Cereo, Castro e Agualada. A entrega de premios celebrarase arredor das 20.30.

Representarán ao Club Ciclista Carballo Álvaro Cristobo (categoría principiantes), Mateo Romero (alevíns), Rubén Abelenda, Manuel Porteiro e Adrián Bermúdez (infantís), Rubén Durán, Álex Romero, Esteban Souto, Roi Figueiras, Gabriel Fraga e Pablo Fraga (cadetes), Balbina Tarrío (elite feminina), María Pombo e Uxía Tasende (cadete feminina) e Martín Soutullo, Fabián Fraga e Diego Abelenda (júnior).

Descargas



Galería

Compartir: