Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Estes son os grupos que darán a nota no Rockin 24

Martes 11 de xuño do 2024

O Rockin’ Carballo chega disposto a conquistar a todas as xeracións cun macro concerto que non ten idade pero si un requisito: que che guste o rock. Despois do aperitivo de Lostregho na festa de presentación, o festival máis alternativo das festas de San Xoán presenta un cartel de primeira con músicos como Sofía Comas, TT Syndicate, Hongo, Rusty Nuts, Ian Kay, The Shivas e Doctor Explosion. Contámosche quen é quen:

Sofía Comas

Sofía Comas, compositora, cantante e actriz de orixe española/canadense, é recoñecida pola súa capacidade para fusionar poesía e música nunha expresión artística única. Dende os seus inicios como co-fundadora da banda madrileña Tucan, ata o seu debut en solitario en 2020 con El verano será eterno (Industrias Bala), explorou diversas ramas do mundo artístico, dende a música até a danza.

Unha das facetas máis destacadas da obra de Sofía é a súa habilidade para transmitir emocións a través da música e a poesía. O seu último disco, titulado A un pájaro rojo, captura esta esencia de maneira marabillosa. A canción que dá título ao álbum, é un exemplo disto, cunha mestura inusual de música tecno e elementos medievais, a canción evoca unha sensación mística, similar á experiencia de estar nun templo relixioso.

TT Syndicate

Este ano o picudo vermello deixounos sen a nosa querida palmeira e esperemos que a explosión de R&B dos TT Syndicate non nos deixe sen algunha árbore máis, porque, se por algo destaca a banda, é por contar cun dos directos máis demoledores da escena R&B europea. Cunha posta en escena exquisita, sempre de rigorosa etiqueta, estes músicos son quen de levantar un furacán sonoro a base de guitarras e metais que arrasa  todo o que se lle poña por diante.

Aínda que con base en Porto, a súa música lévanos de viaxe polo Mardi Gras de Nova Orleans, o Wigan Casino británico, o Hotel Sands de Las Vegas ou polo corazón negro de Detroit, un cóctel explosivo que mestura a elegancia das big bands, o desenfreo do northern soul e o espírito festivo do dixieland.

Así que xa sabedes, permanecede alerta porque un furacán categoría 5 ameaza con facer estragos na nosa pista de baile.

Hongo

Comezaron a súa actividade aló polo 2002, como unha ferramenta de experimentación musical dos seus membros, integrantes todos eles de bandas do circuíto coruñés como Madame Germen, SL´S3, Nashgul, Ictusd ou Black Panda. Mais o experimento saíu ben e a día de hoxe son un dos referentes a nivel estado do crust-punk, até o punto de contar ao lombo con 6 discos, xiras europeas e concertos en festivais estatais e internacionais. Contan nas súas filas con Pablo Moreira, de Carballo.

Foi a súa participación na BSO da curta Sangre de Unicornio, do guionista e ilustrador galego Alberto Vázquez, e no filme posterior (Unicorn Wars) o que lles abriu as portas en latitudes como Xapón ou mesmo os EE.UU. Son inclasificables. Non paran de medrar e temos a sorte de poder contar con eles para abrir o escenario do Rego da Balsa do Rockin deste ano. Non van deixar indiferente a ninguén, porque o seu son e composición son moi persoais. Mais son potentes, moi potentes. E o seu directo é, simplemente, brutal.

Rusty Nuts

A nosa vila debe de ter algunha substancia na auga que nos fai ser un pobo de artistas! Temos xente que destaca en fotografía, nas letras, na pintura, nas artes escénicas, na música..   E falando de música, que dicir dunha das últimas formacións que saíu de Carballo? Nada menos que Rusty Nuts, a banda de punk-rock que co seu EP Non Time vai facer que saltemos este próximo sábado, 22 de xuño.

Estes rapaces chegaron para demostrar que en Carballo non só se coce o mellor pan, senón tamén a mellor música! Influenciados polo punk californiano, Rusty Nuts emerxeu cunha forza tremenda. Capi, Noel, Rama e Zas forman o equipo perfecto, cada un achegando a súa propia faísca a esta explosiva mestura musical.

Ian Kay

Francés, de orixe armenia, afincado en Barcelona e, a partir do 22 de xuño, un pouquiño de Carballo. É Ian Kapoudjian, alias Ian Kay, e ben podería ser o fillo non recoñecido de The Kinks, Buddy Holly ou The Byrds.

Multi-instrumentista e compositor, cambiou a batería pola guitarra e deixou atrás o punk e o garage de grupos como Les Rencards ou The Missing Souls para facerse “un pouco máis pop”, pero sempre sen perder a actitude roqueira e engadindo un toque negro. O de Lyon comezou o seu camiño en solitario con Walk That Road Again, gravado en Valentine Recording Studios de Los Ángeles, onde os Beach Boys ou Kenny Rogers fixeron a súa maxia no final dos 60. É a estes anos a onde nos transportan os seus directos. Coa súa impoluta imaxe retro de cabelo perfectamente cortado, traxe impecable e botas chelsea que farían morrer de envexa ao máis coqueto dos mods, o francés é un auténtico bulebule.

The Shivas

Do noroeste de Estados Unidos ao noroeste da península Ibérica, de Oregón a Galicia, de Portland a Carballo. Máis de 8.000 km son os que van a percorrer The Shivas para chegar ao Rockin’. Un camiño que comezou aló polo ano 2006 cando Jared Molyneux (guitarra e voz), Eric Shanafelt (baixo) e Kristin Leonard (batería e voz) se xuntaron para facer o que todo bo adolescente amante do rock soñou nalgún momento: montar unha banda cos seus colegas do instituto.

A amistade e os anos explican que The Shivas sexan un combo perfectamente engraxado, preciso e divertido. Ao longo dos seus seis álbums ofrécennos unhas doces harmonías e un son tostado ao sol que nos recordará a grupos como Thee Oh Sees. A receita é simple pero efectiva: un pouco surf rock, outro pouco de rock & roll dos 60, todo ben mesturado con pop e garage e aderezado cun pouco de psicodelia.

Doctor Explosion

“Drácula ye-ye”, “La Chatunga” “Eres feo, chaval” dan boa conta do humor animal que se gastan, pero os Doctor Explosión destacan sobre todo pola enerxía do seu directo e por unha intensidade e loucura que respecta a solvencia musical.

Sempre voaron por debaixo dos radares, mais acadaron nestes máis de trinta anos unha carreira sólida. Na súa discografía está El loco mundo de los jóvenes (Subterfuge, 1994), Aquellos Maravillosos 90: Tributo a Doctor Explosión (Subterfuge, 1996), Viviendo del cuento (Subterfuge, 1999), Música grabada, saltos y cánticos (PIAS, 2003), Chupa aquí!! (Boomerang, 2009), ou o marabilloso Hablaban con frases hechas (Perrotti/Boomerang, 2011). 

Despois dun parón de 10 anos, cando xa ninguén contaba con eles, editaron Superioridad moral (Slovenly, 2022), no que amosan que están en plena forma.   A Carballo veñen como cuarteto, co imprescindible Jorge Explosión ao fronte, acompañado de César Crespo (guitarra), mais Daniel Montero (baixo) e Conrado Martín batería, ambos antes en Cooper. Cremita.

No 2012 xa demostraron como as gastan. Agora volven máis salvaxes. E non era fácil. Son ADN Rockin’.

Compartir: