Aprobados os prezos públicos dos espectáculos organizados polo Concello de Carballo no Pazo da Cultura
Os prezos establécense en función dos cachés dos/as artistas e prevense descontos de ata o 50% para determinados colectivos
Luns 22 de xaneiro do 2024 Cultura
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os prezos públicos dos espectáculos organizados polo Concello de Carballo no Pazo da Cultura ao longo do ano 2024. O prezo xeral queda fixado en 5 euros, que se aplicará cando as actuacións sexan de grupos profesionais e non vaian dirixidas a un colectivo concreto, e sempre que a entidade colaboradora non esixa que a asistencia sexa gratuíta ou teña un prezo de entrada distinto.
Nos espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios, tal como establece a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), fíxanse uns prezos mínimos en función dos cachés das compañías, coa posibilidade de descontos de ata o 50% para determinados colectivos (menores de 18 e maiores de 60) e de ata o 40% para os abonos a ciclos de actuacións. Deste xeito, os prezos serán os seguintes:
- Caché de 750 a 2.500 euros: 5 € (prezo reducido: 3 €)
- Caché de 2.501 a 5.000 euros: 7 € (prezo reducido: 4 €)
- Caché superior a 5.000 euros: 9 € (prezo reducido: 5 €)