Teatro, música, cine, danza e artes plásticas enchen Carballo de “Cultura con forza” nos primeiros meses do ano
O Pazo da Cultura acollerá ata finais de abril 26 propostas para todo tipo de públicos
Venres 19 de xaneiro do 2024 Cultura
Jacobo Sutil, Evencio Ferrero e Maruxa Suárez
Seis funcións de teatro para adultos, tres para toda a familia, dous musicais, cinco películas do ciclo Amal en Ruta, cinco espectáculos de Primavera enDanza e cinco exposicións encherán Carballo de Cultura con forza durante os primeiros meses do ano. Hoxe presentamos as propostas que acollerá o Pazo da Cultura ata o mes de abril dentro do programa deseñado pola Concellaría de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña e a Agadic.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, compartiu coa concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, un café doce, que tanto apetece nestes días de frío e que se converte no símbolo gráfico de Cultura con forza, porque, como o café, a cultura énchenos de enerxía. “Esta expresión carballesa que poñemos en valor e que desde hai uns anos reivindicamos con esta programación, significa tamén abundancia e diversidade, e o programa que presentamos dá conta dela ao reunir 26 interesantes propostas culturais que, sen dubida, están entre o mellor e máis actual da cultura de Galicia, con algunhas mostras moi interesantes doutras comunidades autónomas”, apuntou Maruxa Suárez.
Jacobo Sutil: "Estamos traballando para que haxa máis Carballos"
Jacobo Sutil felicitou ao Concello de Carballo pola variedade da programación “en disciplinas e públicos, e tamén polo compromiso coa nosa cultura sen esquecer as propostas que se fan noutras partes de España e que lle dan á veciñanza a oportunidade de ver o que se fai noutros sitios, de comparar e de comprobar que en Galicia estamos ao máis alto nivel”. O director da Agadic destacou especialmente o ciclo Primavera enDanza, “o ciclo de danza máis antigo de Galicia”, e asegurou que desde a axencia “estamos traballando para que haxa máis Carballos”.
Evencio Ferrero puxo a programación de Cultura con forza como exemplo de colaboración institucional e expresou unha vez máis o compromiso do Concello de Carballo coa cultura. “Sempre, mesmo nos momentos de crise, quixemos facer da cultura un elemento referencial, e aí seguimos”, dixo.
VENRES E DOMINGOS CULTURAIS
- 26 xaneiro (21.00 horas). Teatro. PT Excéntricas (Galicia). O auto do Castromil
- 2 febreiro (21.00 horas). Música. Catuxa Salom (Galicia)
- 4 febreiro (18.00 horas). Monicreques e actores. Pérez & Fernández (Galicia). Nanai da China
- 23 febreiro (21.00 horas). Teatro. Ibuprofeno Teatro (Galicia). Deadpan karaoke
- 1 marzo (21.00 horas). Teatro. Culturactiva S.COP.Galega (Galicia). As alumnas
- 3 marzo (18.00 horas). Monicreques e sombras. El retablo (Madrid). Mermelhada
- 8 marzo (21.00 horas). Teatro. Chévere (Galicia). Helen Kelleer, a muller marabilla?
- 15 marzo (21.00 horas). Música. Abraham Cupeiro (Galicia). Resoando no pasado
- 21 marzo (20.00 horas). Teatro. Manekineko (Galicia). Cancións amarelas, flores tristes
- 22 marzo (21.00 horas). Teatro. A Panadaría (Galicia). As que limpan
AMAL EN RUTA – MOSTRA DE CINE EUROÁRABE
- 22 febreiro (20.30 horas). Entre las higueras. Taht Alshajaran
- 24 febreiro (20.30 horas). Conspiración no Cairo. Boy from heaven
- 29 febreiro (20.30 horas). The sage
- 2 marzo (20.30 horas). El caftán azul
- 7 marzo (20.30 horas). Little Palestine, diary of a siege
PRIMAVERA ENDANZA
- 12 abril (21.00 horas). Marcia Vázquez (Galicia). Vaivén
- 13 abril (20.30 horas). Paula Quintas (Galicia). Multiperspectivas#2
- 20 abril (20.30 horas). Nova Galega de Danza (Galicia). Berro
- 21 abril (18.00 horas). La coja dansa (Valencia). El cuento de Persépolis
- 26 abril (21.00 horas). Miguel Barrero y la pequeña Victoria Cen (Valencia e Castela e León). Disculpa si te presento como que no te conozco
- 30 abril (21.00 horas). Led Silhouette (Navarra). Los perros
EXPOSICIÓNS
- 12 de xaneiro a 10 de febreiro. A memoria do son
- 16 de febreiro a 3 de marzo. XVII Premio de arte gráfica Jesús Núñez
- 27 de febreiro a 17 de marzo. 17º Premio de creación fotográfica Luis Ksado
- 11 de abril a 10 de maio. Pegadas no tempo, de Isabel Soutullo
- Mes de abril. XXVI Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís