O Pazo da Cultura acolle ata o 10 de febreiro unha exposición única de instrumentos musicais medievais
"A memoria do son" é unha iniciativa da Deputación de Lugo, que abre deste xeito unha liña de colaboración co Concello de Carballo
Luns 15 de xaneiro do 2024 Cultura
Luciano Pérez, Efrén Castro, Evencio Ferrero e Maruxa Suárez
Carballo acolle ata o 10 de febreiro unha exposición única: A memoria do son. Esta mostra itinerante, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, compendia o resultado das investigacións sobre a música e instrumentos medievais que se desenvolveron no taller de instrumentos musicais do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad).
Oito instrumentos construídos a partir da iconografía do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, do Pazo de Xelmírez, das cantigas de Alfonso X e das esculturas do Rei David son os protagonistas da mostra: unha ziga, unha rota, unha cítola, unha zanfona, unha viola de perna, unha viola de brazo e un organistro. Ademais, a exposición, comisariada por Luciano Pérez, complétase cun catálogo guía en varios idiomas, gravacións co son de cada instrumento, para descargar a través de códigos QR, e un salterio con tres partituras diferentes para que as persoas que visiten a mostra poidan tocalo e sentirse coma "trobadores medievais", como apuntou Luciano Pérez.
O comisario da exposición e director da colección de Instrumentos Musicais do Centrad foi un dos participantes no acto de inauguración da mosta xunto coa concelleira de Cultura, Maruxa Suárez; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que agradeceu a elección do noso concello coma sede dunha exposición "excepcional" e amosou o seu desexo de que esta colaboración entre o Concello de Carballo e a Deputación de Lugo "sexa a primeira de moitas". No vídeo atoparedes un resumo das intervencións.
A mostra pode visitarse ata o 10 de febreiro, de luns a sábado, de 17.00 a 21.00 horas, no andar -1 do Pazo da Cultura. Na inauguración estivo presente o director do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, Javier Bardanca, xa que a exposición constitúe un importantísimo elemento didáctico para os/as estudantes de música. De feito, para o día 29 deste mes ás 20.00 horas está prevista unha visita guiada para o alumnado do CMUS.