O Conservatorio Profesional de Música iniciou en Cances un ciclo de concertos por varias parroquias
A próxima actuación está programada para o 17 de xaneiro en Entrecruces
Xoves 4 de xaneiro do 2024
Actuación da Big Band en Cances
O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo (CMUS Carballo) aproveitou o Nadal para iniciar unha xira que o levará ao longo do curso por distintas parroquias. A Big Band e varios solistas colaboradores ofreceron o 22 de decembro en Cances unha actuación espectacular e multitudinaria, que encheu por completo o salón de actos do centro social.
O próximo concerto do ciclo CMUS en Ruta está programado para o 17 deste mes en Entrecruces. A partir das 19.00 horas actuarán no centro social os grupos de cámara do CMUS. A entrada é libre e de balde, xa que o obxectivo é achegar a toda a veciñanza unha oferta musical de calidade, ao tempo que poñemos en valor o excelente traballo que está a facer o conservatorio.
Bota unha ollada ao calendario:
- 23 de febreiro: Actuación do conxunto de cámara en Lema
- 15 de marzo: Orquestra de corda en Oza
- 11 de abril: Conxunto de vento-madeira en Sísamo
- 10 de maio: Banda infantil en Ardaña
- 30 de maio: Conxunto de vento-metal en Imende (Noicela)
En cada centro social actuarán diferentes agrupacións, en función da capacidade e das características dos edificios. Deste xeito, poderemos escoitar grupos de cámara e de corda, conxuntos de vento madeira e vento metal e tamén á Banda Infantil do CMUS. Calidade e variedade para que, se che gusta a música, poidas acompañarnos neste percorrido polo territorio carballés. Todos os concertos, agás o deste venres en Cances, comezarán ás 19.00 horas.
CMUS en Ruta, organizado polo Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, conta coa colaboración das asociacións San Campio de Cances, San Xens de Entrecruces, Ría de Lema, Escola do Alprende de Oza, Santiago Apóstol de Sísamo e Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos.