Carballo xa ten a súa propia banda sonora, unha sinfonía creada polo famoso compositor Sergio Moure
“Lembranzas”, “Sisargas” e “Carballo” son os títulos dos tres movementos da composición musical, concibida para unha gran orquestra
Sábado 25 de novembro do 2023 Cultura
Sergio Moure, Evencio Ferrero e Javier Bardanca
Carballo ten unha sinfonía propia, e ademais composta por un carballés, Sergio Moure de Oteyza, músico de prestixio internacional que naceu e viviu no noso concello ata os 13 anos de idade. Hoxe, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo director do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, Javier Bardanca, presentou este importante proxecto cultural, do que puidemos desfrutar no auditorio do Pazo da Cultura grazas á tecnoloxía informática e que chega en plena celebración do mes da música.
Sinfonía de Bergantiños é o título da composición musical, que esta concibida para ser interpretada por unha gran orquestra. Está formada por tres movementos, de menor a maior intensidade, que nacen das raíces e da experiencia vital do famoso compositor. O primeiro, Lembranzas, rememora a súa infancia en Carballo, “o lugar _dixo_ dos meus primeiros recordos”; no segundo evoca o mar batendo contra as “Illas Sisargas”, que lle dan nome, e que simbolizan “a inmensidade” do mar bergantiñá, e o terceiro, “Carballo”, supón a culminación deste percorrido musical, no que Sergio Moure mestura por primeira vez a música sinfónica coa música tradicional. A incorporación de instrumentos tradicionais coma a gaita e a zanfona, e tamén de cantareiras, e o reforzo da percusión enche de forza a parte final.
Para Carballo “é un orgullo” contar cunha composición destas características, asegurou o alcalde. Estamos ante unha obra “importantísima”, apuntou Javier Bardanca, que ofreceu toda a colaboración do CMUS. Porque agora o obxectivo é trasladar a obra da partitura ao escenario a través dunha gran orquestra sinfónica.